Entrevista de César Lorenzo Gil a Ramón Nicolás en BiosBardia:
“- BiosBardia (B): Entre os analistas da situación da literatura galega danse dous ánimos: quen pensa que a crise reduciu as oportunidades de publicar e polo tanto o impulso creativo e quen opina que entrementres aparecen as oportunidades para publicar estase a construír un corpus creativo que vai ser moi substancioso no futuro.
– Ramón Nicolás (RN): Eu comparto os dous diagnósticos. Hai unha evidente crise editorial que se está a compensar cun traballo extenuante das editoras, que fan un esforzo quizais superior á lóxica de mercado, tendo en conta o número de lectores do libro galego. E pola contra hai un gran vizo creativo, tanto de autores novos coma de escritores consagrados. Tendo en conta o nivel do que se publica, eu tamén opino que se está a formar un humus que poderá dar froitos interesantes máis adiante. Mais a cuestión básica é encontrar a maneira de gañar lectores. O lectorado é a base de calquera sistema literario. Sen eles, o demais perde importancia.
– B: Se alguén soubese como gañar eses lectores, xa o estaría a facer.
– RN: Claro. É un tema complexo que depende de moitos factores, de moitas vontades. Coido que máis ou menos temos idea do que se pode facer pero cómpre un consenso amplo, que supera os límites dos axentes culturais. Como docente, penso que hai que coidar os novos lectores, atraelos, favorecer que persoas que non len habitualmente en galego teñan oportunidade de facelo. Calquera fomento da lectura é bo para a lectura en galego. No centro no que eu traballo manteño dous clubs de lectura, un para rapaces da ESO e do Bacharelato e outro para adultos. Conséguese moito con estes clubs, tamén coa rede de bibliotecas escolares. Para contaxiar o hábito da lectura é fundamental empregar todas as ferramentas dispoñibles. No caso do galego, temos unha vantaxe: podemos relacionar os lectores cos autores. Nós, no noso club, sempre buscamos que os escritores se encontren cos lectores, que dialoguen, que se coñezan. Estou convencido de que ese contacto persoal é básico para asentar o gusto pola lectura. (…)
– B: Entre determinadas persoas, a literatura galega ten fama de elitista. Outros, entre quen me inclúo, coidan que hai moita xente intentando facer best-sellers; o malo é que nin todos conseguen o obxectivo. Cal é a súa opinión?
– RN: Eu comparto esa visión. Hai nos andeis de novidades moita literatura popular, feita con alta calidade, con valores literarios e estéticos moi superiores aos que se dan nos best-sellers que triunfan nas linguas máis poderosas. É unha moi boa noticia para o sistema literario galego que novelas coma as de Pedro Feixoo ou Domingos Villar teñan unha aceptación maioritaria, moi superior ás expectativas. Tanto porque conseguen facer visible a nosa lingua como produto cultural coma porque serven de porta de entrada para novos lectores. (…)
– B: A crítica que vostede publica ten moito a ver coa estratexia de visibilización e promoción do libro galego. De aí que case sempre teña un perfil positivo. Non se publican malos libros en galego?
– RN: Si. E o mellor que, na miña opinión, podemos facer é recibilos con silencio. A miña concepción da crítica ten a ver co servizo ao lector. Son recensións que orientan as lecturas, visibilizan aquelas cousas que paga a pena, procuran salientar o bo das obras e matizar aqueles aspectos peor resoltos, sempre con cortesía e educación. (…)
– B: Pode ser esa falta xeral de visibilización da literatura galega a causa de que haxa nomes novos que estean a abandonar o galego como lingua literaria malia iniciaren a súa traxectoria nela?
– RN: Non o sei. En calquera caso, mudar de lingua literaria non é o camiño cara ao éxito. Pódese lograr escribindo na propia lingua. Demostrando talento unha obra destaca e acaba por traducirse. Hai moitos casos, tamén recentes. (…)”