Entrevista de César Lorenzo Gil a Elena Gallego en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): A receita, daquela, para os escritores galegos, é a perseveranza no traballo “comercial”?
– Elena Gallego (EG): No meu caso foi así. Non podes unicamente pensar en escribir boas historias, tes que pensar que a túa obra é coma un fillo, que precisa coidados, atención, que te preocupes por ela, que fagas todo o posible polo seu benestar. Eu sempre considerei fundamental atender os lectores nas redes sociais, visitalos nos centros de ensino, facer presentacións, que me consideren unha persoa accesible coa que comunicarse… E por outro lado, sempre estou intentando abrir mercado. A serie de Dragal está en Alemaña, en Italia, no Xapón, no Brasil e en Portugal. Confío que co tempo se publique neses países e incluso noutros. Ás veces paso as mañás enteiras ao teléfono con editores. (…)
– B: Seguro que ten reflexionado sobre cal é a “fórmula” do éxito de Dragal.
– EG: Coido que pode haber varias razóns pero a miña análise non é previa; non nace dun deseño. Cando me poño a escribir só teño dúas cousas en mente: que nunha saga, é imprescindible que cada novo título sexa mellor ca o anterior e que a miña fidelidade é co lector; un lector que non se deixa enganar, que sabe moi ben o que quere, que é esixente, que bufará de rabia se o texto non está á altura das súas expectativas.
– B: Íame dar o resultado desa análise a posteriori.
– EG: Si. Digo que visto o resultado, Dragal é unha serie que empata moi ben con persoas que len pouco, en moitos casos rapaces que nunca leran nada anteriormente e que encontran nestes libros os alicientes necesarios para engancharse. Cada libro facilita esa “dependencia”, primeiro polas técnicas que emprega: capítulos breves que sempre rematan en alto, que “esixen” continuar a lectura. Segundo, pola mestura de xéneros. Eu fun sempre unha devoradora de libros e esas lecturas acaban por formar parte dos meus textos. Recoñezo que tirei cousas d’Os Cinco, de Enid Blyton, de Viaxe ao centro da Terra, de Jules Verne… Hai aventura, hai amor, hai relato fantástico e novela histórica… E terceiro, porque a narración é realista. (…)
– B: De canto lle valeu esa aprendizaxe na narrativa para mozos cando publicou Sete Caveiras (Xerais), unha novela negra para adultos?
– EG: De moito. Tanto no proceso de escrita coma no de promoción. Sete Caveiras foi un libro que me fervía e escribino moi rápido. Funcionou moi ben. Xa vai pola terceira edición e estou en negociacións cunha editorial para lanzar unha versión en francés. Serviu ademais para rachar certos preconceptos sobre Dragal. Como é unha serie pensada para o público mozo, moitos lectores adultos tiñan reparos en achegarse. Logo de leren a miña outra novela foilles máis fácil. (…)”