Entrevista de Carlos Loureiro a Anxo Fariña en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Que é primordial para ti á hora de te mergullares nestas longas historias: o didactismo, o entretemento, espertar a imaxinación… -inda que cremos que todos estes obxectivos se poidan complementar-?
– Anxo Fariña (AF): Depende os libros, por suposto. Nalgúns, o punto de partida é didáctico, mentres que noutros o máis importante é a historia, o propio pracer da lectura. O compoñente didáctico moitas veces nin sequera é premeditado. Por exemplo, como cando trato o tema da natureza. Para min o respecto ao medio ambiente é algo que vai máis aló dun mero afán didáctico e, polo tanto, sempre está presente nas miñas narracións. Aínda que se teño que escoller, escollería a imaxinación. Para min a imaxinación é a máis sorprendente das facultades humanas. É a que nos permite soñar, avanzar, descubrir… Calquera das creacións humanas é froito da imaxinación dun, ou milleiros de persoas. (…)
– NG: En dez anos máis de corenta obras publicadas… A túa imaxinación e a túa pluma non poden ter repouso… Houbo xa algún momento en que estes dous elementos creativos pasasen apuros puntuais?
– AF: Son un pouco hiperactivo.
Normalmente cando non traballo é porque estou mal fisicamente. Desde neno padezo unhas migrañas terribles e crónicas. Nalgunhas épocas, estas dores vólvense diarias, e entón, non son quen de traballar.
O ano pasado vivín unha mala época e estiven uns meses de baixa. Cando comecei a sentirme mellor, a cabeza xa me pedía comezar con outra historia, pois levaba tempo inactivo, e así o fixen. Influenciado polo meu estado físico escribín unha novela para adolescentes-adultos baseada en experiencias persoais, no que un dos temas principais é a dor. Para min, que sempre escribo ficción, foi unha experiencia terapéutica. (…)
– NG: Sempre dicimos que os fillos son todos iguais, pero tras un tempo convivindo con Antón e Pompón, con Don Quixote e Breogán, co Pelelliño, cos Megatoxos… con quen te sentiches máis a gusto?
– AF: Os “Megatoxos” déronme moitas satisfaccións, pero os “Pelelliños” son moi, moi divertidos. Aínda agora me sorprendo de que uns libros en aparencia tan simples, teñan tanto éxito entre os máis pequenos. Ben, e non só os pequenos. Cando debuxo un “Pelelliño” en directo, ás veces os sorrisos dos pais son máis amplos que os dos nenos. (…)”