Paula Carballeira: “Nos meus personaxes está toda Paula Carballeira”

EntrevistaPaula Carballeira de Carlos Loureiro a Paula Carballeira en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Canto de Paula Carballeira hai nas túas personaxes? -ti mesma tes confesado que te “disfrazaches en peles de personaxes”-…
– Paula Carballeira (PC): Nos meus personaxes está toda Paula Carballeira, só que selecciono dentro de min os rasgos que mellor lles van e intento ver cara a onde me levan. Interpretar un personaxe é toda unha aventura, tes que arriscarte e deixarte ir da man da persoa que dirixe, explorando as túas posibilidades como intérprete de emocións, de movementos, de ficcións. (…)
– NG: Escribir e contar contos para idades máis temperás require imaxinación, compromiso… pero cando falamos de versos, iso xa é outra cousa, e estamos a nos referir ás túas obras poéticas de Contatrás
– PC: A poesía require se cadra maior imaxinación, maior compromiso, como dis, hai que seleccionar moi ben as palabras, escoitar a súa música, debuxalas no papel. Para min a poesía sería a linguaxe universal, porque nela se crean xogos, melodías, imaxes, todo un mundo.
– NG: E para amosar unha vez máis a interdisciplinariedade entre xéneros, achamos a versión teatralizada das anteriores obras poéticas so o título de A folla máis alta… Sería buscando unha maneira mellor de chegar ao publico máis novo ou foron outras as circunstancias?
– PC: Con A folla máis alta pretendemos demostrar que ás veces a nosa condescendencia co público infantil non nos deixa descubrir que a súa capacidade de evocación, de entrar na ficción do xogo teatral, lles permite atopar respostas para desenvolverse no mundo que nos rodea. Desde a poesía, os ritmos, as coreografías de movementos e o humor, sorprendémonos coa boa acollida que o espectáculo tivo por parte do público e, ao mesmo tempo, puxemos o noso gran de area para contribuír ao emprego de formas teatrais contemporáneas tamén para público infantil e familiar. (…)”