Desde o Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Polo meu amigo Suso Díaz, atento sempre ás efemérides de voces creativas do sistema literario galego, souben que tal día coma hoxe, en 1897, nacía Eduardo Blanco-Amor. (…)
Vaia, na súa memoria, a noticia dun opúsculo curioso que non adoita aparecer na bibliografía do autor. Trátase do título Castelao, que se publicou en Ourense no ano 1970, en edición non venal: “fuera de comercio” apunta o propio Blanco-Amor neste exemplar que me agasallaron hai algún tempo e aquí comparto. A edición, probablemente se poida considerar, en parte, o precedente de Castelao escritor, que Ediciós do Castro publicaría postumamente en 1986.
Esta edición a que me refiro, subtitulada “Notas periodísticas”, compila unha serie de artigos xornalísticos que viron a luz en La Región, La Vanguardia, El Correo Gallego e La Voz de Galicia por volta do ano 1970, en galego e castelán, coa vontade de recuperar e poñer en valor, como se diría agora, a figura de Castelao aos vinte anos do seu pasamento. O prólogo co que o propio Blanco-Amor abre a compilación é acedo, afouto e un exercicio de responsabilidade -apunta-, malia empregar unha prosa confesadamente labiríntica pero coa que reclama para quen saiba ler, e no ano 1970, a vixencia da obra e do pensamento de Castelao-. (…)”