Entrevista a Anxo Fariña en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Cómo lembra eses primeiros pasos no mundo da creación literaria?
– Anxo Fariña (AF): Lembro eses primeiros pasos no mundo da creación literaria con moito agarimo. Recordo a ilusión que sentín cando me dixeron que querían publicar o meu primeiro álbum ilustrado. Souben nese intre que necesitaba contar máis e máis historias. Logo chegou o sempre tan sorprendente contacto cos lectores que non fixo máis que confirmar o que eu sentía.
– FL: Que é o que busca transmitir coa súa literatura?
– AL: Algo tan sinxelo como o pracer pola literatura en si mesma; o goce de ler e deixarse invadir pola historia como se fósemos nós os participantes da mesma.
Por outra banda e, dependendo do libro, hai temas que se repiten nos meus libros: o respecto pola natureza, o amor, a amizade, o mundo dos soños… As veces e premeditado e as veces é algo que xorde espontaneamente.
– FL: En que se basea para escribir os seus libros?
– AL: Cada libro é diferente e pode nacer dun simple detalle ou unha idea complexa. Unha conversa, unha comida, unha canción escoitada nun lugar recóndito… As historias están aí, agochadas, e so hai que buscar un pouco para atopalas.
Aínda que teño certa devoción polas historias fantásticas, gústame experimentar e probar novos camiños. Proba disto é a última novela que escribín que está baseada nunha vivencia persoal. (…)
– FL: Que é o mellor e o peor de ser escritor e ilustrador de libros infantís?
– AF: O peor como escritor, tanto ten se o fas para adultos como para rapaces, é a soidade e a incerteza da profesión. Na ilustración acontece o mesmo: non se valora o esforzo que supón cada creación.
O mellor… son tantas cousas que é difícil concretar. Traballar para nenos esixe responsabilidade, pero tamén ofrece liberdade. Iso é o que máis me atrae da miña profesión, a posibilidade de deixar voar a imaxinación e crear o imposible. Desenvolver mundos imaxinarios cos que poidan gozar os rapaces.
– FL: Que técnicas e materiais soe empregar á hora de ilustrar?
– AF: Para cada libro e para cada franxa de idade trato de adaptar o meu estilo. Combino tanto técnicas dixitais como analóxicas (lapis, acuarelas e tintas). Ultimamente estou a experimentar con apps de debuxo deseñadas para o Ipad. É unha gozada poder ilustrar con gran calidade fóra do estudo e mesmo tomando un café.
– FL: Que significa para vostede a profesión de ilustrador?
– AF: O certo é que eu non distingo a profesión de escritor da de ilustrador. Quero dicir que para min no fondo todo se resume a contar historias con linguaxes diferentes. Cando me preguntan a que me adico cústame traballo resumir nunha palabra todo o que fago, pois tamén son deseñador, docente en cursos e charlas, creador de contidos educativos… (…)”