Manuel Portas: “Non ten sentido ter oculto ou descoñecer quen somos”

EntrevistaManuel Portas a Manuel Portas en Praza:
“(…) – Praza (P): O libro [Lourenço, Xograr] ten moito diso. É normal falar de clasismo, -palabra moderna-, nunha sociedade estamental. Pero na túa novela pintas unha nobreza que ten moito de frívola, ignorante e inútil…
– Manuel Portas (MP): O que quería era pintar a sociedade da época, si, e niso traslúcese unha análise crítica. Non sei se é verosímil que un xograr faga as análises que fai Lourenzço, pero tamén chega ás conclusións que chega cando está desencantado, porque esa división social é unha barreira que sempre se lle pon diante. Lourenço era unha persoa cunha capacidade impresionante. De feito, todos querían tenzoar con el, así que debía de ser bo. Con outro dos poetas da época, João Soares Coelho, metéronse moito porque tivo o atrevemento de cantar as virtudes dunha ama de cría, unha muller de baixa condición. Así era aquela sociedade. (…)
– P: A etapa medieval é bastante frecuente como tema da nosa literatura. Pero con outros enfoques, como a materia de Bretaña. Seguimos a precisar ir a ese tempo para reforzar a nosa identidade? O pasado de “esplendor”…
– MP: Non hai tanto desta etapa. Si se contou a historia de Xelmírez, por exemplo. Eu penso que é unha etapa moi interesante. Non por unha cuestión de vanagloria, e nunca mellor dito. Pero é que coñecer a nosa historia é moi importante. Naquel momento, se querías trobar tiñas que facelo en galego porque era a lingua de prestixio. Non ten sentido ter oculto ou descoñecer quen somos.
– P: Mais que a literatura fose parte da construción nacional galega, nese sentido, tamén puido ser nalgúns aspectos unha limitación para a súa autonomía. Que pensas disto?
– MP: Non creo que fose así. Todas as literaturas procuran a súa historia. É a identidade literaria dun pobo. Xa o facía López Ferreiro a fins do XIX… Despois tamén se falou desde a literatura de épocas posteriores, as guerras irmandiñas… Non creo que fose unha limitación. É que había unha carencia nese sentido. É interesante saber de onde vimos.
– P: Dicía Gracia Santorum na presentación que era o teu mellor libro. Non sei, pero se cadra si é o máis complexo.
– MP: Pode selo no aspecto da documentación. Non coñeces os datos da xente da que falas, nin sabes como vivían. Por iso eu reivindico especialmente os investigadores que se dedicaron a deitar luz sobre a vida cotiá. Non todo é batalliñas. Lin artigos e teses feitas en Santiago, na Coruña, en Porto… e no Brasil. (…)”