Fernando M. Cimadevila: “O sistema editorial galego non buscou novos lectores”

EntrevistaFernando M. Cimadevila de César Lorenzo Gil a Fernando M. Cimadevila en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Non sei como enfoca un escritor a creación dunha serie de novelas cun protagonista tan marcado como son as de Basilius Hoffman. Que nace primeiro, un proxecto de novela ou un personaxe que se vaia desenvolvendo sen unha medida prevista?
– Fernando M. Cimadevila (FC): A xénese desta historia foi, en efecto, Basilius Hoffman. Eu tiña claro que quería escribir unha serie con el de protagonista pero tamén sabía que a saga ía limitarse a cinco títulos. Nas aventuras de Basilius están depositados todos os meus desexos literarios, é dicir, aquelas cousas que o meu eu lector de cando era mozo gustaría de ver reflectidas en libros. Pensar nunha pentaloxía permíteme incluír todas as cousas que me apetecen, todas as referencias que fun gañando co tempo. Durante catro anos fun dono dunha libraría especializada en cómic e en literatura fantástica. Foron tempos de moita aprendizaxe. Moito do que absorbín daquela aparece logo na saga do Basilius. (…)
– B: Pensa vostede que a literatura galega non pensa nos lectores?
– FC: O sistema editorial en galego non buscou novos lectores durante moito tempo. Viviu pensando na venda institucional e deixou sen labrar nin sementar a renovación do seu lectorado. Non hai literatura no mundo que non atenda os seus diversos públicos. A sociedade galega é xa ampla abondo e tamén madura en moitos casos como para saber escoller aquilo que máis lle interesa. Insisto: non se combateu o preconcepto sobre as letras galegas, deixou que se espallase nas novas xeracións, que xa foron alfabetizadas na nosa lingua, que non había propostas que encaixasen cos seus gustos e intereses. Tamén penso que estas eivas, quizais por culpa da crise, se están a intentar corrixir.
– B: Neste tempo de crise, xa non só as editoriais teñen que traballar na difusión dos libros que publican. Os autores teñen que ter moitas máis capacidades alén da de saberen escribir.
– FC: Con certeza. Hoxe o labor de escrita é, no mellor dos casos, só a metade do traballo dun escritor que queira publicar e gañar lectores. Hai que achegarse á xente, contactar con blogs de lectura, visitar clubs, facer presentacións… Manexar e manter a atención nas redes sociais… É un traballo cansado e, sinceramente, non sei até que punto compensa. Quero dicir, pasar horas e horas no facebook facendo promoción en que se concreta? Cantos lectores se gañan? Hai outras vías, como ter axente literaria (no meu caso aínda non me conseguiu ningunha nova publicación) pero ao final sen un gran selo detrás, o fomento esixe moito do autor e réstalle tempo e folgos para o principal, que é escribir. (…)”