Desde Novenoites, de Francisco Martínez Bouzas:
“(…) “Con Liquidación de existencias regresa ao panorama literario, da novela curta ou dos relatos, o mellor Ramón Caride. Ese escritor poliédrico, policreativo e multipremiado, e con cada vez, maior e merecidamente, mellor valoración na nosa Escrita.
Cunha potencia narrativa, baseada nunha realidade presentida de xeito moi doado.Unha acción contaminada de malas actitudes, e chea da ruindade cotiá daqueles que antepoñen o propio benestar, a calquera outra consideración moral, de conveniencia ou de legalidade incluso.
As historias de Caride botan unha forte áncora nas cousas cotiás. Como se dun relatorio de novas, ou un catálogo das maldades de todo tipo e condición. Dende os veciños insolentes, como Burra Negra, ata as malas leccións exemplares recollidas en relatos como a Marca España, ou o secuestro exprés que tanto vemos nas novas das televisións o u da prensa. A actualidade máis pura, as feridas máis infestadas desta sociedade, vive nestas obras de Caride. Moitos dos protagonistas, son pobres antiheroes, aínda que algúns deles aínda non o saiban. Xentes que poñen en práctica o modelo de sacar tallada, repiten os vicios aprendidos e imitan un modelo de abusos e múltiples corrupcións, pero que acaban perdéndose pola boca, nunca souberon ser discretos.
Caride volve experimentar. Pon en valor novas fórmulas que buscan, atraer ao espectador ao lado de sombra dunha realidade así mesmo escura. E fai unha novela dividida en varias partes, ou ben fai tres novelas, case por entregas, engarzadas no soporte vital dunha trama urbana, que comparten os arames elementais dunha acción argumental moi dinámica, coma dun guión cinematográfico.
Non son temas novos, novelas como Crónica de Sucesos ou Os ollos da noite teñen un fondo composto por un magma similar, pero en Liquidación de Existencias, teñen a actualidade, o empaque e o impacto, das cousas que todo o mundo entende sen precisar explicación algunha. Son situacións apegadas a unha realidade que coñecemos. Que vemos nas noticias ou lemos nos xornais. Dende a maraña inevitable da corrupción, impresentable e recorrente de cada día; ata as prevaricacións, os abusos e as inxustizas, daqueles que teñen os medios para poder facelos, repartindo os beneficios e os prexuízos, sen errar nunca no reparto de a quen vai cada cousa. Os máis diversos ángulos desta realidade unitaria e fragmentaria, ao mesmo tempo, forman parte da novela. A dobre moral do policía e os locais de alterne e o sexo como explotación deshumanizada, ou a escravitude laboral que, amparada nas crises, atopa o caldo de cultivo necesario, para seguir medrando na desprotección na que leva tempo instalada. (…)”