Domingo Tabuyo inaugura o palmarés do Premio de Poesía Camiño de Santiago

Desde a Academia Xacobea:
“A primeira edición do Premio de Poesía Camiño de Santiago convocado pola Academia Xacobea co patrocinio de Edicións Carena e a colaboración de Secretaría Xeral de Política Lingüística estreouse cunha boa acollida e un gran nivel de calidade. Un total de 18 obras enviadas desde distintos puntos de España e América concorreron a este certame co que a entidade con sede en Santiago de Compostela afonda no seu afán de dar presenza ao Camiño e ao fenómeno xacobeo no eido da literatura.
Tras examinar e valorar todas as obras, o xurado acordou por unanimidade conceder o galardón a Das viaxes maiúsculas, o orixinal presentado polo profesor do IES Asorey, de Cambados, Domingo Tabuyo baixo a plica Das reflexións imperfectas. O xurado valorou a súa “brillante imaxinería poética e a súa innegable capacidade simbólica, que invita ao lector a adentrarse no cosmos xacobeo a través dunha escritura fondamente conceptual e suxestiva, que se serve con mestría do endecasílabo branco e o verso libre”. (…)
O catedrático Eduardo López, como presidente; o editor Jose Membrive, a escritora Rosalía Morlán Vieites, o crítico literario Armando Requeixo Cuba e o xornalista e poeta Jose Manuel Blanco (Pati Blanco), como vogais, e Ulises Bértolo, como secretario, foron os integrantes do xurado.
O gañador recibirá un premio económico de 1.500 euros e a obra será publicada nunha edición bilingüe en galego e castelán. (…)”

Texto lido por Domingo Tabuyo na presentación de Liquidación de existencias, de Ramón Caride

DesdeDomingo Tabuyo Novenoites, de Francisco Martínez Bouzas:
“(…) “Con Liquidación de existencias regresa ao panorama literario, da novela curta ou dos relatos, o mellor Ramón Caride. Ese escritor poliédrico, policreativo e multipremiado, e con cada vez, maior e merecidamente, mellor valoración na nosa Escrita.
Cunha potencia narrativa, baseada nunha realidade presentida de xeito moi doado.Unha acción contaminada de malas actitudes, e chea da ruindade cotiá daqueles que antepoñen o propio benestar, a calquera outra consideración moral, de conveniencia ou de legalidade incluso.
As historias de Caride botan unha forte áncora nas cousas cotiás. Como se dun relatorio de novas, ou un catálogo das maldades de todo tipo e condición. Dende os veciños insolentes, como Burra Negra, ata as malas leccións exemplares recollidas en relatos como a Marca España, ou o secuestro exprés que tanto vemos nas novas das televisións o u da prensa. A actualidade máis pura, as feridas máis infestadas desta sociedade, vive nestas obras de Caride. Moitos dos protagonistas, son pobres antiheroes, aínda que algúns deles aínda non o saiban. Xentes que poñen en práctica o modelo de sacar tallada, repiten os vicios aprendidos e imitan un modelo de abusos e múltiples corrupcións, pero que acaban perdéndose pola boca, nunca souberon ser discretos.
Caride volve experimentar. Pon en valor novas fórmulas que buscan, atraer ao espectador ao lado de sombra dunha realidade así mesmo escura. E fai unha novela dividida en varias partes, ou ben fai tres novelas, case por entregas, engarzadas no soporte vital dunha trama urbana, que comparten os arames elementais dunha acción argumental moi dinámica, coma dun guión cinematográfico.
Non son temas novos, novelas como Crónica de Sucesos ou Os ollos da noite teñen un fondo composto por un magma similar, pero en Liquidación de Existencias, teñen a actualidade, o empaque e o impacto, das cousas que todo o mundo entende sen precisar explicación algunha. Son situacións apegadas a unha realidade que coñecemos. Que vemos nas noticias ou lemos nos xornais. Dende a maraña inevitable da corrupción, impresentable e recorrente de cada día; ata as prevaricacións, os abusos e as inxustizas, daqueles que teñen os medios para poder facelos, repartindo os beneficios e os prexuízos, sen errar nunca no reparto de a quen vai cada cousa. Os máis diversos ángulos desta realidade unitaria e fragmentaria, ao mesmo tempo, forman parte da novela. A dobre moral do policía e os locais de alterne e o sexo como explotación deshumanizada, ou a escravitude laboral que, amparada nas crises, atopa o caldo de cultivo necesario, para seguir medrando na desprotección na que leva tempo instalada. (…)”

Cambados: presentación de Liquidación de existencias e Xeografías do deserto, de Ramón Caride

ORamón Caride venres 13 de maio, ás 20:00 horas, no Pazo Torrado, en Cambados, terá lugar a presentación dos libros Liquidación de existencias, publicado en Xerais, e Xeografías do deserto (libro CD), de Ramón Caride. No acto participan, xunto ao autor, Domingo Tabuyo, María Leyra e Manuel Bragado, e tamén contará coa actuación musical dos participantes en Xeografías do deserto: Ramón Núñez, Sito Suárez e Sara Caride.

“O deputado Tabuyo mergúllase na novela negra co comisario Romero”

Entrevista de Santiago Jaureguizar a Domingo Tabuyo en El Progreso:
‘Domingo Tabuyo sabe que a carne sueca é explosiva. “Un día informeime de que había unhas latas etiquetadas como un produto cárnico de Suecia e, en realidade, contiñan explosivos”, comenta para situar a idea lonxana que foi conformando ata que acabase sendo Svea kött (carne sueca), a novela negra que vén de publicar en Xerais. (…)
A experiencia no mar valeulle “unicamente para algúns comentarios na novela”. Utilizou moitas máis expresións “dunha parente de Sanxenxo, que emigrou a Estocolmo”. Sobre esa muller, apunta o autor que “sempre conservou as raíces galegas, pero, cando regresaba por vacacións, falaba nunha mestura de sueco e galego, que nos fixo aprender moitas palabras nesa lingua”. Este pontevedrés mantén as súas querencias e, cando decidiu escribir unha novela negra, atendeu ao seu gusto pola novela nórdica, por “tratar de cuestións que lle importan á xente”. Suecia, a narrativa e os conflitos dos colectivos humanos conflúen deste xeito en Svea kött. O protagonista que creou para afrontar esas carencias da sociedade é “un home de 50 anos que ten as súas raíces que non son dunha cidade, senón dunha vila, e que ten valores tradicionais”, como poden ser o esforzo no traballo e a raigame nun sitio. (…)’.

Lugo: presentación de Svea Kött (Carne Sueca), de Domingo Tabuyo

O venres 9 de setembro, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase a novela Svea Kött (Carne Sueca), de Domingo Tabuyo, publicada en Xerais. No acto participan, acompañando ao autor, Xosé Orozco e Manuel Bragado.

Domingo Tabuyo: “Seguiremos loitando para evitar que o ceo caia sobre as nosas cabezas”

Entrevista a Domingo Tabuyo en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): En que xénero literario estás máis a gusto: poesía, novela, ensaio, crítica, teatro…?
– Domingo Tabuyo (DT): Eu navego máis tranquilo nos mares da poesía, na que nacín a este mundiño de letras e onde comecei a facer construcións poéticas que soportaron as probas de carga de editores e premios literarios, e polo tanto a miña Ítaca estará sempre onde residan os versos indispensables para construír reflexións e denuncias. A novela é a miña segunda patria, e a pesar de precisar credenciais moi distintas, son case un cidadán asiduo deste espazo creativo e pretendo continuar facendo letras verticais de poemas e horizontais de novela porque son as dúas maneiras creativas coas que podo achegar voz e reflexión no noso tempo e na nosa sociedade.
– GH: A túa nova novela Svea Kött, é para ti a máis “lograda” polo de agora?
– DT: Svea Kött é a miña última novela e, polo tanto, a que incorpora máis e mellores elementos narrativos, recursos e tramas que fan dela unha novela que vai gustando e que recolle moi boas valoracións por arte de xente moi diversa. Estou moi satisfeito de como vai indo, e tanto na presentación en Santiago por parte de Francisco Caamaño, como na de Méndez Ferrín en Cambados, as diseccións que fixeron da obra e a valoración obtida foi altamente positiva. En calquera caso, un o que pretende é mellorar cada día e en cada obra e iso é o que pretendo e pretendín sempre, polo tanto sempre a seguinte será a mellor. (…)
– GH: Podería definirse como de esplendor o momento actual da literatura galega?
– DT: A escrita galega está nun gran momento, cun alto nivel de títulos, de publicacións e de autores que van tendo recoñecemento a nivel nacional e internacional. Dende as institucións e dende os medios públicos debe facerse un esforzo maior para difundir e divulgar esta riqueza que Galicia posúe, e axudar á promoción da lectura e das novas voces que asoman entre os mozos.”

Cambados: presentación de Svea Kött (Carne Sueca), de Domingo Tabuyo

O venres 6 de maio, ás 20:00 h., nas Adegas Martin Códax (Burgáns, 91, Vilariño) en Cambados, preséntase a novela Svea Kött (Carne Sueca), de Domingo Tabuyo, publicada en Xerais. No acto participan, acompañando ao autor, Xosé Luís Méndez Ferrín e Manuel Bragado.

Feira do Libro de Santiago: actividades do 30 de abril e 1 de maio

Comeza unha nova edición da Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), entre o sábado 30 de abril e o domingo 8 de maio. O seu horario é de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., salvo no fin de semana, en que terá un horario de 11:30 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h.
As actividades do primeiro fin de semana son as seguintes:

Sábado 30 de abril:
– 12:45 h. Actuación da Banda de Música de Santiago de Compostela.
– 13:00 h. Inauguración oficial. Pregón inaugural a cargo de Diego Ameixeiras, gañador do Premio Irmandade do Libro ao mellor libro do ano 2010. No acto inaugural, colabora a Asociación do Traxe Galego.
– 18:00 h. Presentación do libro Golfiño e os invasores, de Fausto Isorna, publicado por El Patito Editorial. Ao remate do acto, o autor asinará exemplares do seu libro.
– 19:00 h. Presentación do libro Svea Kött (carne sueca), de Domingo Tabuyo, publicado en Xerais. Intervirán: Francisco Caamaño, Ministro de Xustiza, Manuel Bragado e o autor.

– 20:00 h. O escritor Javier Alfayate, asinará exemplares do seu libro Aleta de Tiburón: Táctica de un operador en bolsa publicado pola Editorial Grupo de 28 Editores.
– 21:15 h. Sorteo dun lote de libros.

Domingo 1 de maio:
– 12:00 h. A pintora e ilustradora Isabel Pintado asinará exemplares dos libros para nenos Parece unha rosa, de Rosalía de Castro e Cantiga do mazarico, de Emilio Pita, publicados por Edicións Espiral Maior, na colección Lúa Lueira.
– 18:00 h. Obradoiro de baile para todo o público a cargo do grupo Pesdelán, participantes no libro–cd–dvd Na punta do pé publicado por Kalandraka Editora.
– 19:30 h. Presentación do libro A xanela escura, de Jorge Emilio Bóveda, da Colección Alcaián, de Urco Editora. Participarán no acto Denís Fernández Cabrera en representación da editorial e o autor da obra.

– 21:15 h. Sorteo dun lote de libros.