A Asociación de Escritores en Lingua Galega decidiu outorgar o galardón “Escritor Galego Universal” ao escritor arxentino Juan Gelman.
A distinción entregáraselle no transcurso da Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritores en Lingua Galega, xunto cos Premios AELG, uns galardóns que, concedidos por escritores/as para escritores/as, levan camiño de se afianzar como uns dos de máis prestixio no noso panorama literario. A Cea das Letras celebrarase no mes de maio de 2010.
Juan Gelman
Poeta, periodista e traductor nacido en Buenos Aires, o escritor Juan Gelman ten demostrado ao longo da súa vida ser un mestre dese “oficio ardente” que para él é a poesía, un xénero que combina coa súa actitude cívica e a súa constante denuncia das violacións dos dereitos humanos.
Gelman é o poeta arxentino máis premiado da súa xeración, a dos anos 60-70, merecendo galardóns como o Nacional de Poesía arxentino, o de Literatura Latinoamericana e do Caribe Juan Rulfo, o Iberoamericano de Poesía Pablo Neruda, o Reina Sofía de Poesía Iberoamericana e o Premio Cervantes 2007.
Obras: Violín y otras cuestiones (1956), El juego en que andamos (1959), Velorio del solo (1961), Gotán (1962), Cólera Buey (1965), Los poemas de Sydney West (1969), Fábulas (1971), Relaciones (1973), Comentarios (1979), Citas (1979), Notas (1979), Hechos (1980), Carta abierta (1980), Si dulcemente (1980), Bajo la lluvia ajena (1980), Hacia el sur (1982), Eso (1983), Dibaxu (1983), Composiciones (1986), Prosa de prensa (1997), Debí decir te amo (1997), Nueva prosa de prensa (1999)