Manuel María narrador, por Armando Requeixo

ArtigoArmando Requeixo 2015 de Armando Requeixo en Criticalia:
“(…) Deixando á parte as prosas infantoxuvenís e algún relato solto que publicou nos anos noventa, o groso da súa obra narrativa concéntrase nun período de vinte anos, que vai dende os comezos dos cincuenta ata os anos inmediatamente anteriores á chegada da Democracia. Neste tempo apareceron catro historias no volume colectivo Presencia de Curros y Dª Emilia (1951) ás que sumou outras tres para compor Contos en cuarto crecente (1952). Logo viñeron outros dous relatos longos dados á luz en Grial en 1965 e 1966 e, finalmente, o libro O xornaleiro e sete testemuñas máis (1971).
Na Posguerra a narrativa galega triangulou en tres vértices: a prosa realista, a fantástica e o cambio de ritmo que achegou a chamada Nova Narrativa Galega. A escrita de Manuel María responde, en maior ou menor medida, dependendo dos casos, a algunha destas tendencias. Mesmo por veces hibridou nalgún libro varias ou todas elas. Por tanto, o de Outeiro de Rei foi un narrador do seu tempo, sensible ás modulacións literarias que naquela altura se conformaron.
En síntese, poden distinguirse tres etapas no Manuel María narrador: unha primeira que iría dende os inicios en 1951 ata andados os anos sesenta; unha segunda que coincide cos comezos dos setenta e unha derradeira etapa con historias aparecidas nos noventa. (…)
En conclusión, pode afirmarse que a obra narrativa do autor é unha faceta de relevo no conxunto da súa escrita, pois ofrece unha variedade de fórmulas ben estesa na que predominan temas como o amor, o universo da infancia, a comuñón do ser humano cunha paisaxe e unha terra vitais e, ante todo, o compromiso social, adapte este os subtemas concretos do mundo da emigración, da crítica ao caciquismo ou de calquera outro abuso de poder. Canto á técnica, as preferencias pasan polo acusado lirismo, o gusto pola prosopopea e a fábula e mais o emprego do recurso epistolar. E por remate, salienta tamén o autobiografismo que percorre e informa moitas das súas historias, cheas de elementos reais ficcionados ou, por veces, reproducidos máis testemuñalmente, elementos todos que confirman o interese do Manuel María narrador.”