Entrevista a Fernando Acuña Castroviejo en Historia de Galicia:
“(…) – Historia de Galicia (HG): Logo de tantos anos adicado á investigación e á docencia, que cambios máis importantes se produciron na arqueoloxía galega?
– Fernando Acuña Castroviejo (FAC): Eu levo metido na investigación desde o 68, cando comecei a traballar na arqueoloxía galego, primeiro con Bouza Brey e logo con Valil. Daquela había menos medios e menos acceso á información. O traballo de campo era rudimentario. Non había técnicas nin medios para medir. En 40 anos cambiou moito todo. Hoxe xa hai novas metodoloxías impensables hai medio século.Eu teño que dicir que a arqueoloxía sempre estivo aberta á sociedade. Outra cousa é que se divulgue máis, pero hai que ter en conta que a arqueoloxía ten que estar feita por arqueólogos, por profesionais, e non por afecionados. Os demais poden axudar pero cada quen no seu papel.
– HG: E como foi traballar con Bouza Brey?
– FAC: Pois moi interesante. Estabamos Carlos García Martínez, González Reboredo e máis eu. Entramos en contacto con el no Instituto Padre Sarmiento, no último ano de carreira e nos introduciu no nacionalismo e na arqueoloxía e nos fixo ver a importancia da xeración Nós e do Seminario de Estudos Galegos. El foi o modelo das nosas investigacións. (…)
– HG: En todo caso, non cres que hai moitos museos no país e un pouco desaproveitados?
– FAC: Falta política museística e, polo que se ve en Galicia, é que non é que haxa moitos museos senón que están mal atendidos pola Administración. Nos últimos anos xubílanse os directores dos principais museos galegos e esas prazas non se cubren, e por iso o persoal dos museos é menor e os recursos cada vez menos. O problema é a falta de persoal e de recursos. Museos non é que haxa moitos ou poucos, senón que non teñen recursos. Moitos xa nin publican porque non teñen fondos. Hai museos que dependen da Xunta, de concellos, de deputacións… A casuística depende de quen sexa o promotor. Dos que depende da Xunta non se cobren as prazas de xubilación e iso crea carencia de persoal e de medios. (…)”