Entrevista a Suso de Toro: “Síntome un supervivente dentro dunha xeración fusilada”

Entrevista a Suso de Toro no semanario A Nosa Terra:

Como nace Sete palabras?

Sae da experiencia persoal. Entendo a literatura dun xeito activo e algúns libros meus pretendían funcionar como granadas de man. Caixón desastre era un ensaio para demostrar que se podían escribir outras cousas en galego pero con Polaroid xa pretendín modificar a literatura galega. Home sen nome falaba da memoria colectiva e, ademais da pretensión estética, quixen romper o tabú de dicir o nome dos asasinos. Sete palabras é a literatura como terapia e vía de coñecemento de min mesmo. A grandeza da literatura reside na individualidade e ese é o seu valor universal, porque afondando nun mesmo os demais recoñécense.

Buscaba para si e tamén para o seu pai que estaba doente.

Non sei se o fixen por encargo da miña abuela Valentina ou de meu pai, ao que lle quedou sen facer esa tarefa ou se é estritamente unha necesidade miña. Pero sentinme un medium doutros. Na procura dese pasado vivín unha experiencia autenticamente literaria, de sentirme dentro dun conto.

Aínda que o personaxe non ten nome, vostede é moi duro con el e, daquela, co propio Suso de Toro.

Son moi crítico co meu entorno pero tamén practico esa dureza comigo mesmo. Non o reivindico e téñoo máis por defecto que por virtude, pero é a miña forma de ser. Entendo a literatura para intervir na vida. Que sexa experiencia, non algo superficial, que actúe e te modifique. Falar de Sete palabras resúltame difícil porque tiven que exprimirme e a tarefa era buscar cunha honradez extrema, sen saber se o que podía atopar sería ou non agradábel. Era o lado escuro ou incómodo da historia familiar que tocaba tamén no centro de min mesmo. Por iso me desdobrei dunha maneira extravagante. [Ler entrevista completa]