Desde Galaxia:
“Reunido no edificio Multiusos da Xunqueira, en Redondela, o pasado luns 23 de xullo, o xurado do I Premio Viadutos de Novela decidiu declarar gañadora por unanimidade a obra Os bicos feridos que, aberta a plica, resultou ser da autoría de Anna R. Figueiredo.
O xurado, composto polas escritoras Inma López Silva e Tamara Andrés, as libreiras Mercedes Corbillón e Esther Gómez, e a editora Malores Villanueva, salientou a orixinalidade dos temas tratados na novela, a depuración do estilo “poderoso” e “por veces lírico”, “a utilización da ironía e a personalidade das voces”, así como a complexidade da trama.
En Os bicos feridos a través da historia dunha moza, Olivia, emigrante en Londres vanse debullando temas de fondo calado como a importancia das redes sociais nas nosas vidas, a complexidade das relacións familiares, entre as que destaca a maternidade, a soidade nas grandes cidades ou o medo á morte. (…)
Anna R. Figueiredo convértese así na primeira gañadora do premio, dotado con 3.000 euros, e a súa novela Os bicos feridos será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da Editorial Galaxia.”