Entrevista a Montse Pena Presas en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Ten a LIX (Literatura infantil e xuvenil) en galego un peso máis importante e unha calidade maior que a que se fai noutras linguas da Península?
– Montse Pena Presas (MP): Eu non estou moi de acordo, a LIX en xeral no ámbito peninsular e ámbitos veciños viviu unha experimentación moi importante nos últimos anos. Sobre todo polas súas capacidades para hibridar con outras artes, como a ilustración mais tamén a pintura, a fotografía ou tamén a música. No panorama galego o da música é unha característica propia, porque noutras literaturas fixéronse libros infantís de ópera ou música clásica pero aquí tirouse moito da música tradicional e das súas renovacións e relecturas. A LIX é un ámbito moi vizoso para experimentar con outras artes e iso foi motor da literatura infantil nos últimos 15 anos.
Agora ben, na LIX galega como na das outras linguas, continúa a haber prexuízos, esa idea de que son libros facilóns, de menor calidade. Esa idea de que os libros xuvenís, por estar protagonizadas por pandas de rapaces e rapazas non teñen calidade literaria. Nalgúns casos pode que sexa así mais noutros son os libros que constrúen alguén nunha lectora ou nun lector.
– SG: Acreditas que a literatura ten un papel á hora de conformar unha persoa, tamén unha sociedade?
– MP: Para min o máis importante da literatura e da lectura sempre será a compoñente ética. Quizás sexa utópico, eu sempre digo que a literatura pode ser un motor de cambio social e que ademais empeza por un mesmo. Os estudos sobre a lectura indican que o primeiro que fai a lectura é que nos coñezamos mellor a nós propios e a partir de aí podemos comprender mellor ao outro ou outra. En todo caso, eu sempre entendo a LIX e así o farei cos libros que recomende, como libros de calidade literaria. Libros que nos axuden a activar a conciencia crítica e que teñan esa calidade.
– SG: Tes analizado polo miúdo o tema dos feminismos na LIX galega [Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia, Edicións Laiovento, 2018]. Até que punto existe, de habela, esa pegada da visión feminista na literatura galega?
– MP: Haina. Pódese dicir que o feminismo é o movemento social que máis ten influído na literatura no último século e por varias cuestións: a recuperación de autoras, e relectura que se fixo de historia tradicional e como se puxo en solfa os papeis que se atribuía ás mulleres e nenas, nesa reivindicación de personaxes como bruxas e meigas… O feminismo é o movemento social que abre a porta a outros movementos, interacciona moi ben con eles: o multiculturalismo, as outras masculinidades, as identidades sexuais non normativas…”