As contas da cultura 2019: Lingua e libro

Desde Cultura Galega:
“O proxecto de Orzamentos para 2019 prevé pequenos incrementos nas áreas de lingua, libro, bibliotecas e arquivos. Con estes fondos, e sen que se dean recortes destacados, semella que a Consellaría de Cultura pretende cubrir novas áreas. As actividades derivadas do Plan de Dinamización de Lingua para a Mocidade, un novo programa de Bibliotecas Itinerantes e un maior apoio aos centros de lectura e aos arquivos municipais preséntanse como algunhas das principais novidades nestes apartados de cara ao vindeiro ano. (…)
O programa de Bibliotecas, Arquivos, Museos e Equipamentos Culturais contará en 2019 con 19.063.465 euros, 226.000 máis do que no proxecto de contas en execución. Este incremento global beneficia o apartado de transferencias de capital, que suma 175.000 euros e acada 1.709.000. Pola contra, diminúen os fondos dedicados a investimentos, que perden 263.000 euros e fican con 3.260.000.
Apoio ao libro
En xeral, o apoio ao libro galego nas contas para 2019 mellora de xeito leve. Por unha banda, increméntanse en 70.000 euros as axudas para Lotes fundacionais e adquisición de fondos bibliográficos para as bibliotecas, que acadan 495.000 euros, o que compensa e duplica a perda que tiveron hai dous exercicio. Pola contra, a liña de “Edición do libro en galego” perde 7.000 euros e fica en 171.000. Cabe lembrar que este apartado perdeu 200.000 euros nas contas para 2017, e que en 2018 só recuperou 30.000. Tamén perde 10.000 euros a liña de apoio á “promoción, produción e edición do libro en galego”, que fica con 200.000 euros, a mesma cantidade que se lles prevé transferir aos concellos para adquisición de novidades editoriais. Esta partida, que se mantén estable a respecto das últimas contas, continúa a ser a metade que na súa posta en marcha, hai dous exercicios. Desde Política Lingüística a liña de apoios a proxectos editoriais en galego mantén os seus 170.000 euros, co que en total a suma destas partidas chega a 1.236.000 euros, 53.000 máis do que no pasado exercicio. (…)”