Entrevista a Mercedes Queixas en Ideas.gal:
“(…) – Ideas.gal (I): Como ves a situación da cultura galega (desde unha perspectiva ampla)?
– Mercedes Queixas (MQ): Do punto de vista da creación véxoa resistente e proactiva, desde a convicción e o compromiso, fortalezas imprescindíbeis que a axudan a non abandonar un proceso creativo persoal que avanza en continua renovación e ensanchamento de discursos.
Do punto de vista da mediación observo un comportamento máis desigual. Desde os colectivos de base, o movemento asociativo, o compromiso sociocultural segue activo, partindo do voluntariado e o altruísmo, aínda que sometido a dificultades propias dunha asfixia económica e de valores como a que estamos a vivir. Desde as administracións o pulso e o compromiso coa cultura galega é moi diferente e desigual, mesmo non podendo falar practicamente nin de mínimos nalgúns casos. Infelizmente, os orzamentos en investimento cultural público minguaron de forma temeraria desde hai unha década e nesta altura dependen, en moitas ocasións, de proxectos políticos e ideolóxicos que fan de menos a cultura galega. Con todo, hai excepcións que sobrancean por actuaren con outra sensibilidade moito máis respectuosa e cómplice na súa función de mediación e enlace entre a creación e a formación de públicos consumidores de cultura propia.
– I: Que papel debería xogar a literatura (nas súas diferentes manifestacións) na sociedade galega, e que modelos estimas interesantes para seren implementados?
– MQ: A literatura é, de todas as manifestacións culturais, probabelmente a que máis avanzou nas últimas décadas no camiño da normalización. Con todo, os últimos datos sobre hábitos de lectura son bastante preocupantes, pois apenas un 4% do lectorado escolle libremente para o seu tempo de lecer un libro en galego.
Mais como imos pedirlle á literatura o valor social que non se lle permite á súa principal ferramenta de traballo, o idioma?
Eis o grave problema que temos: unha sociedade cada vez máis muda e xorda ante a lingua propia e oficial, uns corpos familiares que renuncian prexuizosamente a transmitir interxeracionalmente o galego e un goberno que lexisla en contra da súa aprendizaxe e agocha a súa presenza nunha falsa etiqueta plurilingüe que só inviste na aprendizaxe do inglés e en inglés de coñecementos e materias que, ao tempo, prohibe en galego.
Neste terreo de xogo a literatura desenvolve todas as súas funcións: a estética, a simbólica, a evasiva, a afectiva, a cultural, a social e, como non, a de compromiso.
O compromiso coa palabra das escritoras e escritores en lingua galega é o compromiso con cada un, con cada unha e mais coa sociedade e a cultura que historicamente creou o pobo. (…)”