Desde a Xunta de Galicia:
“O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) convoca o II Premio de investigación e ensaio sobre arte contemporánea, dotado con 3.000 euros. O obxectivo desta iniciativa é promover a investigación e a produción de pensamento sobre esta materia en lingua galega.
Segundo se recolle nas bases da convocatoria, publicadas no Diario Oficial de Galicia, o premio concederase por concorrencia competitiva entre calquera persoa maior de idade que presente textos inéditos escritos en galego relacionados coa investigación e produción de pensamento en arte contemporánea.
Os textos serán de temática libre, terán un carácter divulgativo e unha extensión de entre 150.000 e 450.000 caracteres, incluídos espazos. As solicitudes presentaranse, preferiblemente, a través da sede electrónica da Xunta ou ben de xeito presencial ata o 15 de outubro.
Para a valoración dos textos constituirase un xurado presidido polo director do CGAC e composto por personalidades de recoñecido prestixio no eido editorial e artístico-literario. Entre os criterios que terán en conta para valorar os orixinais presentados destacan a orixinalidade do enfoque e os elementos de innovación e creación, a singularidade da perspectiva histórica ou a metodolóxica e a calidade literaria do texto.”