Pontevedra: Culturgal 2023, actividades do 1 de decembro

Este é o programa do Culturgal 2023. As actividades do 1 de decembro son:

Compostela: presentación de A arte está feita dunha materia incerta e fragmentaria, de Rosendo Cid

O mércores 28 de abril, ás 18:30 horas, no Auditorio do CGAC, preséntase A arte está feita dunha materia incerta e fragmentaria, de Rosendo Cid, Premio CGAC de Ensaio. No acto participan Anxo Lorenzo, Rosendo Cid, María Marco, Laura Calvo Gens, María Ramos e Santiago Olmo.
As persoas interesadas en asistir deberán inscribirse enviando unha mensaxe electrónica co seu nome, apelidos e número de teléfono a cgac.prensa@xunta.gal
A capacidade da sala estará limitada a 60 asistentes. O número de prazas pode variar en función da situación sanitaria que exista no momento. No caso de que queden prazas libres poderanse cubrir o propio día do concerto facendo unha chamada previa á recepción do CGAC (tel. 981 546 619) para rexistrarse.

Laura Calvo gaña a III Edición do Premio de investigación e ensaio sobre arte contemporánea do CGAC

Desde a Xunta de Galicia:
“O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, entregou no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) o Premio de Investigación e Ensaio sobre a arte cuxo obxectivo é, a través dun premio único de 3.000 euros, promover o coñecemento e o acceso do público á arte contemporánea nas súas diversas manifestacións, así como favorecer a comunicación social das artes plásticas.
Nesta terceira edición o premio impulsado pola Xunta de Galicia recaeu sobre Laura Calvo, graduada en Historia da Arte, pola obra orixinal Memoria do Azul, un texto no que a autora traza un itinerario polos diversos ámbitos da creación contemporánea a través do uso da cor azul como monocromo que establece simbolismos e sinestesias. Deste xeito, Laura Calvo súmase ao artista Rosendo Cid, gañador do I Premio CGAC e a María Marco, galardoada na pasada edición. (…)
O xurado, presidido por Santiago Olmo, director do CGAC, e integrado por Alberto Ruíz de Samaniego, profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidad de Vigo) crítico de arte e comisario; David Chao, profesor da Facultade de Historia da Arte de Santiago de Compostela; Natalia Poncela, critica de arte e comisaria, e Elena Expósito, coordinadora do departamento de publicacións do CGAC, valorou a capacidade de Laura Calvo para abordar algúns dos momentos estelares da cultura visual do século XX como o azul de Yves Klein, o cinema de Derek Jarman, as cores de Fromanger, o Picasso Azul e Rosa como duplicidade, o Deserto Rosso de Antonioni ou as luces e Skyspaces de James Turrell, para rematar con Hito Steyerl.”

O CGAC convoca o II Premio de investigación e ensaio sobre arte contemporánea

Desde a Xunta de Galicia:
“O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) convoca o II Premio de investigación e ensaio sobre arte contemporánea, dotado con 3.000 euros. O obxectivo desta iniciativa é promover a investigación e a produción de pensamento sobre esta materia en lingua galega.
Segundo se recolle nas bases da convocatoria, publicadas no Diario Oficial de Galicia, o premio concederase por concorrencia competitiva entre calquera persoa maior de idade que presente textos inéditos escritos en galego relacionados coa investigación e produción de pensamento en arte contemporánea.
Os textos serán de temática libre, terán un carácter divulgativo e unha extensión de entre 150.000 e 450.000 caracteres, incluídos espazos. As solicitudes presentaranse, preferiblemente, a través da sede electrónica da Xunta ou ben de xeito presencial ata o 15 de outubro.
Para a valoración dos textos constituirase un xurado presidido polo director do CGAC e composto por personalidades de recoñecido prestixio no eido editorial e artístico-literario. Entre os criterios que terán en conta para valorar os orixinais presentados destacan a orixinalidade do enfoque e os elementos de innovación e creación, a singularidade da perspectiva histórica ou a metodolóxica e a calidade literaria do texto.”