IV Premio Rosalía de Castro para experiencias pedagóxicas

«A Fundación Rosalía de Castro, para conmemorar os 25 anos do PREMIO ROSALÍA CASTRO PARA MESTRES E PEDAGOGOS, creou o PREMIO ROSALÍA DE CASTRO PARA EXPERIENCIAS PEDAGÓXICAS, que vai xa na súa cuarta convocatoria.
O certame pretende potenciar o coñecemento de Rosalía e da súa obra, precisamente cando están sendo postergados o estudio e a lectura dos clásicos, referencia imprescindible na formación integral dos escolares. A iniciativa quere tamén servir de apoio ao traballo que desenvolven os centros cara a normalización lingüística e cultural do ensino galego.
Alén dos seus valores literarios e lingüísticos, os textos rosalianos teñen unha enorme potencialidade como motivadores de propostas de traballo nas aulas de ensino obrigatorio. Por iso consideramos que, nas mans dun profesorado que pode contar co apoio das novas tecnoloxías, a obra de Rosalía de Castro resultará un bo material para traballar na innovación pedagóxica.
Un dos eidos máis interesantes deste traballo é, sen dúbida, o teatro. Rosalía foi moi afeccionada á arte dramática e respresentou con éxito algunha obra cando era noviña. Se os poemas rosalianos son, pola forma, doados de aprender e recitar, e resultan moi motivadores para a representación teatral, polo seu contido adoitan ser altamente educativos e poden desenvolverse con acerto nas aulas para seren representados en festivais artísticos ou conmemoracións escolares.
Rosalía, contemporánea dos seus, avanzada do seu tempo e previsora dos valores que habían de promoverse no futuro, é a cantora do drama épico que sufriu a Galicia máis pobre e viven hoxe moitos pobos da humanidade: o fenómeno da emigración, do triste desarraigo que padecen “os que noutras terras/ tén que buscar pan”. E tamén unha excepcional analista da problemática das mulleres con relación á igualdade, á creación e ao pensamento libre e unha denunciadora das inxustizas sociais. Rosalía resulta, ademais diso, unha extraordinaria defensora da paisaxe, é dicir, unha verdadeira ecoloxista que nos anima conservar o medio ambiente.
Ademais da utilización dos seus textos, a pericpecia vital da autora tamén se presta a ser representada. Con este exercicio os escolares meirandiños poden profundizar, desde a emoción teatral, no seu coñecemento e no da súa época.» Bases. (Fundación Rosalía de Castro)