Acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía
Prezada/o Socia/o,
Como vimos informando, a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) promove, coa colaboración de diversos colectivos, como as asociacións culturais O Galo, Medulio, Auriense, MaioLongo, Solfa e a Asociación Cultural de Meira, e fundacións como Manuel María e Bautista Álvarez, entre outras organizacións culturais que se irán sumando, para o vindeiro 15 de xullo un acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro, que tivo lugar o 25 de maio de 1891. Tedes toda a información actualizada aquí.
Indicámosvos mediante a presente que é indispensábel que, de quererdes facer o traxecto Padrón-Santiago en tren, fagades reserva de praza contestando a esta mesma mensaxe, indicando o número de prazas a reservar. Tamén o podedes facer no telf. da AELG 981 133 233, de luns a venres, de 08.00 a 15.00.
Desde a AELG agradecemos que Rosalía estea presente e visíbel ao longo do percorrido, polo que cómpre facérmonos acompañar de iconografía rosaliana (chapas, camisetas, fotos, libros da autora, etc.) que a converta a todos os ollos na auténtica protagonista da xornada, así como de flores coas que realizar a ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres.
Agardando poder contar coa túa presenza, recibe un ben cordial saúdo,
O Consello Directivo da AELG.