A Asociación de Escritores en Lingua Galega (Aelg) vai publicar na súa editora virtual o suplemento literario “Revista das Letras” do xornal Galicia Hoxe. Os números atrasados do suplemento irán aparecendo ao longo deste ano.
A Aelg, alén de animar incesantemente a escribir, asume o compromiso real de se converter a través da súa editora virtual que as novas tecnoloxías nos ofrece, na difusora da literatura dos nosos creadores/as, en especial daqueles que inician o seu mergullo na arte da palabra, como experiencia lúdica ou con vontade vocacional.
Incrementar a presenza do idioma galego na web, brindarlle aos novos da nosa literatura un medio sinxelo, doado e de grande difusión para se dar a coñecer, ofrecer ao público lector un contorno en que achar literatura de calidade no noso idioma e onde poida coñecer en primicia a obra de novos valores creativos son algúns dos obxectivos primordiais que moveu a asociación a crear a súa editora virtual. (AELG)