«Dentro das actividades da AS-PG está a de dotar ao profesorado de materiais innovadores utilizando os recursos que nos proporcionan os medios audiovisuais e as novas tecnoloxías. Neste contexto situamos o vídeo É. O Verbo de M.ª dos Anxos González Refoxo e Xoán Carlos Rábade Castiñeira, que será presentado o 3 de marzo ás 19:30 no salón de actos do IES do Eusebio da Guarda (Praza de Pontevedra, A Coruña).
Destinado ao ensino secundario, materializa o esforzo de levar a imaxes unha cuestión tan complexa dentro da gramática como o verbo, explicándoa cun método totalmente innovador e supondo, por primeira vez en todas as linguas do noso contorno (só existe outro, E non chegou a ser palabra… sobre os afixos léxicos, dos mesmos autores), a edición dun material audiovisual sobre o funcionamento da lingua. A través de técnicas audiovisuais de animación, estúdase o verbo en todos os seus aspectos: concepto de verbo, elementos e valores, morfemas, irregularidades nos morfemas… A finalidade é tornar claros e amenos uns contidos gramaticais que á maioría do alumnado resultan áridos e problemáticos, utilizando a imaxe como elemento esclarecedor da base teórica.» (AS-PG)