Desde El Correo Gallego:
“A escritora Sabela Losada Cortizas é a gañadora da XXVII edición do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela. O fallo deuse a coñecer este mércores polo Concello da Estrada, e o xurado do premio estivo presidido polo concelleiro de Cultura, Juan Manuel Constenla, e o integraron, ademáis, Victoria Reimóndez Sanmartín; María del Carmen Viéitez Conde; Enrique Otero Fernández; e Juan Andrés Fernández Castro, exercendo de secretario José Manuel Bouzas Blanco.
O xurado cualificador agradeceu a participación e destaca a variedade e calidade dos traballos presentados a concurso. Concorreron a esta edición un total de quince artigos, pertencentes a un total de sete autores/as.
O premio desta edición recaeu en Sabela Losada Cortizas, por un artigo titulado Que nos sorprende da tristura da mocidade?, que foi publicado no xornal Praza 10. No fallo destacan “a preocupación da autora pola problemática da adolescencia, un dos períodos máis críticos da evolución da persoa. A autora que se implica persoal e emocionalmente, cóntanos a súa experiencia ao tempo que propón solucións e demanda especial atención para este sector da sociedade, que se se sente desamparado por ela”.
O acto de entrega do premio terá lugar este venres, 16 de setembro, ás 19:00 horas, na Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada.”