Desde Nós Diario:
“O xurado do Premio de Poesía Avelina Valladares deu a coñecer esta segunda feira a obra gañadora da súa trixésima edición, certame que celebra trinta anos honrando a memoria da “Cantora da Ulla”. O galardón recaeu na escritora M.ª Montserrat Varela Vázquez polo seu poemario Consciencia da impermanencia, peza que concorreu co lema Fendas na brétema e impúxose entre as 25 propostas presentadas.
O xurado estivo integrado polos vogais Xoán Carlos García Porral, Constantino Regueira Paz, María Begoña Porto Brea e Esteban Folgar Brea, con Dolores Araújo Arias de secretaria. Do poemario, o xurado destacou especialmente a súa estruturación así como “a harmonía do día dende o amencer ao solpor pasando polo atardecer e transitando por paisaxes claras nas que o saber, o buscar e o querer enchen unha vida asentada na esencia que nos define e que, deste xeito, transcenderá”.
A concelleira de Cultura, Lucía Seoane, comunicou o fallo á gañadora. Montserrat Varela, que se mostrou emocionada polo recoñecemento, o primeiro poemario que publicará. (…)
O premio ten unha dotación de 2.000 euros e a publicación do poemario en Edicións Fervenza. O galardón entregarase o vindeiro 26 de novembro nun acto aberto no Teatro Principal, no marco da Festa da Poesía.”
Arquivos da etiqueta: Concello da Estrada
Presentación de Casiopea… Luz do Norte, de Xosé Manuel Lobato, na Estrada
A Estrada: presentación de Casiopea… Luz do Norte, de Xosé Manuel Lobato
Milagros Torrado Cespón e Laura Pérez Delgado gañan o IV Premio de Álbum Ilustrado ‘Alberte Quiñoi’ por “Paio e o Gatipedro”
Desde Galaxia:
“Na Estrada, ás 11 h do 27 de marzo, na Sala de Xuntas da Casa do Concello da Estrada, reúnese o xurado para escoller a obra gañadora desta VI edición do Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi, coas persoas que deseguido se relacionan:
Paula Carballeira Cabana, dramaturga e Premio Nacional de Literatura Dramática; Mariano Casas Gil, docente e artista plástico; Sara Valcárcel Maceira, responsable de Comunicación e coordinadora de Novos Proxectos de Editorial Galaxia; Armando Requeixo Cuba, crítico literario; e Rosa María Herraiz Cabanas, exercendo como secretaria.
Despois de valorar os orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza do día de hoxe, o xurado acordou, por unanimidade conceder o VI Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi á obra titulada Paio e o Gatipedro, que se presentou baixo o pseudónimo “Roquets”. Unha vez aberta a plica, esta resultou ser da autoría de Milagros Torrado Cespón e Laura Pérez Delgado.
O xurado quixo destacar neste álbum ilustrado a súa capacidade para poñer no centro o folclore galego, facendo protagonista ao Gatipedro. Rescata elementos da tradición oral galega para contar unha historia, tenra, envolta nun mundo de ensoñación, contada cunha linguaxe propia.
Unha historia para os máis pequenos, pensada para compartir en familia, arroupando os afectos.
Destaca a súa estética coidada, cunha excelente paleta de cor, na que historia e imaxe camiñan da man.
Unha proposta que nos convida a soñar e acompañar a Paio na súa procura.”










