Desde Cultura Galega (foto: MIT):
“A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT), que este ano celebrará a súa 39ª edición, ven de facer pública a súa decisión de outorgar o Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño a dous persoas que considera fundamentais na creación de estruturas institucionais estables para o teatro galego durante o primeiro Goberno Autonómico de Galicia: Luís Álvarez Pousa e Eduardo Alonso. A Mostra, que este ano centra o seu programa na memoria e na celebración dos 50 anos da 1ª Mostra de Abrente en 1973, quere recoñecer deste xeito o traballo, a implicación e o legado destes dous homes, que recibirán este recoñecemento o día da inauguración da 39ª MIT, o día 15 de xullo, en Ribadavia.
Na súa exposición de motivos para este outorgamento, a acta da MIT lembra as traxectorias de ambos galardoados. Así, do xornalista Luis Álvarez Pousa lembra que foi o responsable das primeiras bases dun programa de estruturación, planificación e desenvolvemento de políticas teatrais a partir do seu nomeamento como Director Xeral de Cultura hai 40 anos, en 1984. A MIT sinala que foi “grazas ao seu labor e ao seu pensamento, que tamén honra o digno oficio da política como tarefa ao servizo da cidadanía e da cultura” que se creou o Centro Dramático Galego en 1984, os circuítos teatrais, a consolidación da profesionalización e tamén a propia MIT. Álvarez Pousa, dia a acta, foi ideólogo dos principais eixes de coordinación da xestión pública da cultura escénica, como se manifestou na publicación institucional Identidades daquel ano. Alí, resumíanse os cinco puntos básicos da articulación do sistema teatral galego e a súa dotación orzamentaria: a creación do Centro Dramático Galego, a potenciación e creación de Mostras e Festivais teatrais coas súas misións e roles específicos, a política de difusión teatral, a promoción de proxectos teatrais e o apoio e potenciación das actividades que fomentasen a creación de público.
Pola súa banda, respecto a Eduardo Alonso, desde a Mostra recoñécese “o compromiso e implicación” deste director de escena, dramaturgo e produtor teatral, “que ademais de ser o primeiro Director Artístico do CDG, foi unha figura clave neste e noutros momentos da evolución e emerxencia do sistema teatral galego, como a elaboración do proxecto de creación do IGAEM en 1987”. Con este premio, sinala a acta da MIT, “quérese poñer en valor tamén o sentido da responsabilidade institucional e o servizo ao ben común para a creación das bases de proxectos e institucións que aínda hoxe seguen a ser moi necesarias para a cohesión, a coordinación e potenciación do tecido profesional das nosas Artes Escénicas. As asesorías e o sentido da responsabilidade coa normalización da lingua e da cultura nun momento en que estaba todo por construír, son feitos que cómpre recordar e poñer en valor”.”