O xurado do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, composto por Pedro Casteleiro, Antía Otero e Ramón Neto, reunido en Fene, decidiu por unanimidade outorgar o premio deste ano ao libro Nómade da autoría de María Rosendo Priego, presentado baixo o pseudónimo Verdecente. María Rosendo (Vigo, 1984) participou en recitais poéticos coas Redes Escarlata ou na II Rebelión da décima musa pero non ten ningún texto publicado. Nómade é, tal como se indica nas bases do premio, o primeiro libro da autora que verá luz. Na actualidade vive en Compostela onde traballa en produción teatral coa compañía Berrobambán. O Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé convócao o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene para lembrar a figura do Segrel do Penedo. Desde hai xa varios anos, o premio está dedicado a promover a obra dun autor ou autora inéditos en lingua galega. A entrega do premio levarase a cabo nun acto que terá lugar o próximo sábado 20 de novembro na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene. Máis información aquí.