Xosé Luís Mosquera Camba gaña o I Certame de Poesía Batallón Literario da Costa da Morte

Desde La Voz de Galicia:
“A primeira edición do certame Batallón Literario da Costa da Morte, nesta anualidade na modalidade de poesía, xa ten gañador. O xurado, integrado por Miro Villar, María Lado e Modesto Fraga, con Víctor Castiñeira como secretario, deu a coñecer na mañá deste venres a súa deliberación. Segundo fixo público Castiñeira, foi elixido o traballo Infelices aves, e aberta a plica en directo, resultou ser de Xosé Luís Mosquera Camba, escritor de Guísamo (Bergondo) xa con importante traxectoria. Margarita Lamela, alcaldesa, contactou con el nese momento para trasladarlle a nova, os parabéns e emprazalo á entrega do galardón, que terá lugar o vindeiro 9 de agosto.
Sobre a deliberación do xurado, nada doada e co debate centrado en catro propostas finalistas, Miro Villar explicou que por maioría foi finalmente elixida esta obra. Non se desvelan as autorías e títulos das demais, para que así os seus autores poidan concorrer con elas a outros certames. Sobre o traballo gañador, Villar citou a súa orixinalidade e elegancia do discurso poético, unha creación poética que nestes versos se identifica co mundo das aves e na que hai diálogos metaliterarios con outras artes, tales como a pintura ou o cinema, artes ademais de distintas épocas. Unidade e ritmo foron outras das bondades reseñadas por Villar. Modesto Fraga, pola súa banda, citou as sesenta obras que chegaron a esta primeira edición, «o que significa que estamos diante dun certame que vai ter unha acollida importante en Galicia». A propia traxectoria do autor premiado evidencia tamén o interese que espertou a convocatoria en plumas xa asentadas.
Fraga agradeceu ao Concello e á súa alcaldesa a predisposición para organizar este certame que chega tamén para conmemorar o 30.º aniversario do Batallón Literario da Costa da Morte, un fenómeno cultural sen igual no resto da comunidade. Tamén a Víctor Castiñeira, polo seu traballo imprescindible, «sempre detrás». Miro, Modesto e a propia María Lado son representantes dese movemento. «Tiñamos dereito a ter un certame así nunha vila cultural como é Cee, para nós é unha honra que a Costa da Morte estea hoxe no centro do mapa literario, como o estará tamén toda a semana que vén converténdose na capital da cultura», incidiu Fraga. Dende o propio luns, diversas voces poéticas tomarán as rúas, continuando con ese espírito do Batallón de achegar a creación literaria alí a onde estaba a xente.
Margarita Lamela, rexedora, trasladou o agradecemento ao xurado polo seu arduo traballo, a súa disposición para que este certame siga adiante, e o esforzo por acadar a calidade da que Cee e a comarca son merecedoras. O certame será alternativamente de poesía e de relato curto. Anos pares para os versos ,como foi este 2026, e impares para os contos, que será o caso do 2027. Acadar o premio deste concurso supón para o galardoado 3.000 euros e a publicación da obra.”

Meira entrega os premios do IX Certame Avelino Díaz tras recibir case 300 traballos de toda Galicia

Desde TerraChaXa:
“A Casa do Concello de Meira acollerá este venres, 19 de xuño, ás 19.00 horas, o acto de entrega dos premios do IX Certame de Debuxo e Creación Literaria Avelino Díaz, unha iniciativa promovida polos concellos de Meira e Riotorto coa colaboración da Asociación Cultural Avelino Díaz.
A convocatoria volveu rexistrar unha elevada participación, con preto de 300 traballos procedentes de centros educativos e participantes de practicamente toda Galicia, consolidándose como unha das citas culturais de referencia para a promoción da creatividade artística e literaria en lingua galega.
Na categoría de debuxo, destinada a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos, o primeiro premio foi para Pablo Morcillo Devesa, do CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz de Meira, pola obra Historia de Avelino. O segundo galardón recaeu en Xiana Folgueira Pacio, do mesmo centro, por O sol de Avelino, mentres que o terceiro premio foi para Sabela Pérez González, do CEIP de Riotorto, coa obra A casiña de Avelino. O accésit correspondeu a Youssef Moujniba, tamén do CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz, por Avelino inspirándose no Miño.
No apartado de poesía para participantes de entre 9 e 12 anos, María Mercedes Moreno Cardoza, do CEIP de Riotorto, acadou o primeiro premio coa obra O paso do tempo. Nayara Ferreiro Díaz e María Vázquez Regueras, ambas do IES Leiras Pulpeiro de Lugo, obtiveron o segundo e terceiro premio respectivamente, coas creacións Judo e Belver.
Na categoría de poesía para mozos e mozas de entre 13 e 17 anos, o primeiro premio foi para Lía Enríquez Salgado, do IES Enrique Muruais da Pontenova, coa obra O galego. Julia Armada Recalde e Adrián Barciela Cabanas, tamén do mesmo centro educativo, recibiron o segundo e terceiro premio por As mans que gardan historias e A Terra queda. O accésit foi para Nelly Palmeiro Castro pola obra Quedan cousas túas.
Entre os participantes adultos na modalidade de poesía, Javier Rodríguez González, de Ourense, conseguiu o primeiro premio coa obra As illas antígrafas. O segundo premio foi para Carlos Neira Suárez, de Mugardos, por Leva e achega, mentres que Paula Andrea Ani, de Riotorto, obtivo o terceiro galardón con Bardo da Muxueira.
Na categoría de relato para maiores de idade, Soledad García Riveiro, de Nigrán, resultou gañadora co traballo Rockwell: mazos da auga. César Ramos Domínguez, da Baña, acadou o segundo premio con O vello Antián e Jacobo Paz Limia, da Coruña, o terceiro por A nai de Súa. O accésit foi para Roberto Jesús Hermida Lorenzo, de Cospeito, pola obra Muller fumando ao sol.
O xurado encargado de valorar os traballos estivo presidido por Xosé Otero Canto e contou como vogais con Mario Outeiro Iglesias e María Airado Otero. Actuou como secretaria Yoani Jartín Salgado.”

Begoña Graña Suárez, gañadora do VIII Premio de Poesía Eduardo Pondal

Desde Xornal da Coruña:
“Reunido o xurado, xa temos nome da autora gañadora do VIII Premio de Poesía Eduardo Pondal, convocado pola Editorial Medulia. Unha vez aberta a plica, a autora gañadora resultou ser Begoña Graña Suárez, coa súa obra Xuíz para sandar.
Ademais de poeta, Graña é unha recoñecida oncóloga do SERGAS da Coruña. Begoña, que xa ten publicado o poemario Médico de Garda, tamén ten recibido premios como o XVII Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez no ano 2020, ou unha mención de honra na XXVIII Edición do Certame Manuel Oreste Rodríguez López no ano 2023 pola súa colección de poemas Lethoeus.
Graña une as miradas científica e poética cunha sensibilidade especial.”

O ‘I Concurso de poesía “Seraogna”: a escola sen acoso’ xa ten gañadoras

Desde Nós Diario:
“Con motivo do aniversario dos 50 anos da publicación de Seraogna, obra senlleira da literatura galega e cuxo autor é o poeta ponteareán Alfonso Pexegueiro, o IES do Barral de Ponteareas (O Condado) convocou o I Concurso de poesía “Seraogna”: a escola sen acoso. Un certame poético dirixido a toda a comunidade educativa da Galiza.
O xurado, composto por persoas de recoñecido prestixio no eido cultural, vén de dar a coñecer a súa decisión. Neste senso, na modalidade A, na que podían participar alumnado de entre seis e doce anos, o poema gañador foi Vivo no silencio de Arwen Fernández García de Nigrán (comarca de Vigo). O segundo posto foi para Sofía Garea Broullón do Colexio Divino Salvador de Vigo, seguida do poema Dende ben pequena de Catalina Meijueiro Miragaya do CEIP Feliciano Barrera de Ponteareas.
Na modalidade B, entre 13 e 18 anos, o galardón foi para Adara Soto Vidal do IES Rosalía de Castro de Santiago, polo poema Afogar o siencio. Pola súa parte, o segundo e terceiro premio foron obtidos por Xulia Cuevas Rodríguez e Cristina Vicho de la Fuente, respectivamente.
Por último, na modalidade para persoas de máis de 19 anos, o primeiro premio recaeu no poema Artesa de voz de Mª. Soledad García Riveiro. Mentres que a prata e o bronce foron para Iván Márquez Carballo e Francisco Javier Sánchez González, respectivamente. A entrega de premios terá lugar no IES do Barral o vindeiro 29 de maio ás 12 h.”

Baldo Ramos e Sara Plaza gañan o 29º Premio de poesía Concello de Carral coa obra “Porcelana e chumbo”

Desde o Concello de Carral:
“O poemario escrito conxuntamente por Sara Plaza e Baldo Ramos vén de ser elixido como a obra gañadora do 29º Premio de Poesía Concello de Carral. É a primeira ocasión no que o certame premia unha autoría dobre.
O premio está dotado con 3.500 € e a publicación da obra en Edicións Espiral Maior.
Dun total de 77 obras presentadas ao concurso, o xurado, por unanimidade, decidiu premiar Porcelana e chumbo pola súa voz elexíaca, grave e meditativa. Pon en valor que a escrita aparece como unha forma de acompañar a perda, a cegueira e a memoria moi presentes en todo o traballo. Destaca tamén a madurez expresiva, a densidade poética, as imaxes innovadoras que afondan nos grandes temas universais: a soidade, o paso do tempo e o valor do íntimo. Ademais o xurado quere salientar a orixinalidade que supón crear un poemario a dúas voces.
O xurado estivo constituído pola concelleira de Cultura, Isabel López, que exerceu de presidenta, as poetas Branca Trigo, Miriam Ferradáns e Modesto Fraga, e o técnico de Cultura e coordinador do certame, Carlos Lorenzo, como secretario con voz e sen voto. (…)
O acto de entrega do premio, así como a presentación da obra gañadora na pasada edición, Especies invasoras, de Branca Trigo, terá lugar o venres 5 de xuño na Casa da Cultura.”

Mario Blanco Boullosa gaña o Premio Respira! de Universidade

Ditame do XIV Premio de poesía Xosé M. López Ardeiro

“Nesta edición do XIV Premio de Poesía Xosé Manuel López Ardeiro, co que o Concello de Negreira pretende recoñecer a obra deste destacado poeta negreirés, participaron 60 poemarios.
O xurado do certame, composto por María Rey, María López Sández, Diana Varela, Xosé A. Ponte Far e Xulio López Valcárcel, ditaminou que:
– A obra finalista cun premio de 500€ foi para Cartografía Miúda, de Isabel Mancebo Portela, de Santiago de Compostela.
– A obra gañadora cun premio de 2500€ e publicación de 300 exemplares do poemario coa colaboración da Xunta de Galicia, foi para Kensington, de Jacobo Paz Limia, da Coruña.”

Inés Mosquera Calvo gaña o XXXVIII Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

“O Concello de Dodro celebrou o acto de deliberación do xurado da trixésima oitava edición do Certame de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, convocado por esta entidade e coordinado pola poeta Silvia Penas.
O xurado, composto polas poetas María Lado Lariño, Noelia Gómez Calvo e Miguel Cavadas Docampo, xunto co alcalde e o concelleiro de Cultura de Dodro, acordou por maioría outorgar o premio á poeta Inés Mosquera Calvo pola súa obra Upupú, presentada baixo o lema A ditadura da bubela.
A elección realizouse entre corenta e dúas obras candidatas e na acta os membros do tribunal destacaron da obra galardoada o seguinte:
Entre o poema e o corpo dun paxaro constrúese este libro. Unha poética concibida dende a linguaxe do animal, coa súa mesma axilidade e instinto. Hai salvaxismo neste canto. O upupú soa ao longo dos poemas como unha oración, e álzase por riba de todo: da dor, da enfermidade, da vergonza. Dividido en cinco partes: Lingua de xirín, Ás de pardal, A vergonza de amá, Bubela e a Ditadura da bubela. O poemario contén diversas citas de poetas (case todas mulleres) que acompañan no niño que a muller/paxaro artella, un voo preciso. Versos fragmentados e que entran directos nos ollos da lectora como un disparo. “Lonxe de ser miña ruliña/ son bubela”, escribe. “Terei unha enfermidade de incómodo nome/ pero fun aprendendo a falar cos paxaros”. A través da figura do paxaro hai un afán de liberdade. Ter o dereito a ser mala muller, mala filla, mala amante. “Dos meus poemas/ canto que son mala ditadora/ mala bubela/ mala muller/ mala filla// mala amante tamén”. Upupú.
A gañadora do XXXVIII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, Inés Mosquera Calvo, naceu en Carcacía (Padrón), en 1992. Graduada en Educación Primaria especializada na docencia de linguas estranxeiras e cun Mestrado en Lingüística Aplicada pola Universidade de Vigo.
Na actualidade exerce como tradutora. Iniciou a súa traxectoria no ámbito da creación poética no ano 2022, coa publicación de Papoulas Amarelas (Medulia Editorial). No 2023, saíu do prelo o segundo libro de poemas, Nonmesquezas. En paralelo, foron publicándose outros textos poéticos en volumes colaborativos como Dorna ou Domingo das Mozas.
O acto oficial de entrega deste premio terá lugar o vindeiro 13 de decembro, no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, ás 17.30 h. O poemario gañador será publicado no ano 2026, nunha editorial de recoñecido prestixio.”