O escritor Agustín Fernández Paz, galardoado co Premio Cultura Galega das Letras en recoñecemento á súa traxectoria vencellada á escrita galega, rexeitou, a través dun comunicado a concesión do premio. Nas súas palabras: “Quero expresar a miña gratitude ás persoas do xurado por pensaren en min. Mais debo lembrar que, cando os Premios da Cultura Galega foron convocados eu manifestei o meu desacordo con eles. Sigo a pensar o mesmo. En coherencia, non podo aceptar este premio”, remitíndose ao manifesto publicado por Prolingua o 8 de outubro. A nova recóllese en Xornal, La Voz de Galicia, Cultura Galega, Galicia Hoxe, Galiciaé e A Nosa Terra. Entrevista co autor en Galicia Hoxe o 18 de novembro, e posteriores reflexións de Roberto Varela en Xornal, e de Xosé Manuel Pereiro en El País.