Sandra Lodi gaña o IV Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi

Desde Galaxia:
“Na Sala de Xuntas da Casa do Concello da Estrada, reúnese o xurado para escoller a obra gañadora desta III edición do Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi, formado por Luz Beloso, Sara Valcárcel Maceira, Luís Davila, Armando Requeixo Cuba, e Carlos Loureiro Rodríguez, exercendo como secretario.
Despois de valorar os orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza do día de hoxe, o xurado acordou, por unanimidade conceder o Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi á obra titulada Papóns, que se presentou baixo o pseudónimo “avoa”. Unha vez aberta a plica, esta resultou ser da autoría de Sandra López Díaz (Sandra Lodi).
O xurado quixo destacar neste álbum ilustrado que é unha obra moi atractiva visualmente cun uso dos planos e das cores impecable. Unha narrativa coherente e ben encetada; que pon en valor o mundo rural e os afectos entre avoa e neta. Un vínculo de transmisión cultural e familiar imprescindible que amosa de forma tenra e fermosa.
Tamén salientan como a autora representa os corpos, son mulleres reais, reproduce o noso pobo á perfección. A ilustración é orixinal e dinámica, cun estilo propio, cunha composición e perspectiva coidadas.
A relación que amosa co medio e cos animais é sensible e acertada. Forma parte da realidade das nenas e nenos que tiveron a sorte de criarse nese ambiente privilexiado no que imaxinar e crear as súas propias historias.
Un álbum que pon en valor a necesidade de preservar e protexer a natureza. De respectar os animais e darlles o seu propio lugar. Unha historia de xenerosidade que pon o foco no protagonismo que xogarán as novas xeracións como exemplo de conciencia. Un traballo colectivo que todas as persoas deben exercer en conxunto.
Será un deses libros que perduren no tempo.”