Hoxe, día 7, ás 17:00 horas comezarán as I Xornadas Virtuais de Literatura organizadas pola AELG. Durante os últimos catro mércores do mes de novembro as persoas inscritas poderán seguir desde os seus computadores persoais as conferencias que ao vivo emitirá a Asociación desde a súa nova plataforma educativa. Deste modo, participantes de todo o mundo poderán ter acceso aos contidos que algúns dos máximos especialistas galegos na obra de Xosé María Álvarez Blázquez (próximo homenaxeado no Día das Letras) e Agustín Fernández Paz disponibilizarán por videoconferencia e através de documentación permanente. Entre as actividades figuran videoconferencias ao vivo e residentes, chats cos especialistas, foros de educadores e diversos materiais complementarios para o desenvolvemento teórico-práctico nas aulas dos temas tratados.
Esta iniciativa pioneira na divulgación universal de contidos culturais contará cos traballos de Xavier P. Docampo, Ramón Nicolás, Xosé María Álvarez Cáccamo, Agustín Fernández Paz (que desvelará algunhas das principais chaves creativas da súa obra), Víctor Freixanes, Mercedes Queixas, Óscar Sánchez e Pedro Silva.