O colectivo Espazo Lectura promove a partir deste próximo sábado unha campaña de bookcrossing no Val Miñor, que conta coa colaboración dos Concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán. A iniciativa suporá a liberación de 120 libros en diferentes espazos públicos dos tres concellos para que a xente poida collelos, lelos e volver a deixalos ceibes co obxectivo de que outras persoas poidan atopalos. O acto de prensentación da campaña terá lugar o próximo sábado, 10 de maio, ás 11 da mañá, nos xardíns do parque da Ramallosa, ao lado da antiga estación do tranvía, e contará coa presenza de representantes de Espazo Lectura e dos tres alcaldes e outros representantes das corporacións municipais de Baiona, Gondomar e Nigrán.
Esta iniciativa, que bota a andar na Semana das Letras Galegas, ten como obxectivo achegar o libro galego aos veciños e veciñas do Val Miñor, fomentar a lectura e divulgar a iniciativa do bookcrossing na nosa zona. Os 120 libros rulantes que se van liberar foron rexistrados por Espazo Lectura na web oficial de Bookcrossing e están etiquetados cun número de identificación que permite que as persoas que os atopen poidan entrar na web e dar conta do lugar onde os atoparon, deixar algún comentario sobre a súa lectura e indicar onde os volveron deixar para que outras persoas poidan buscalos. A solta de libros vai acompañada da edición de 10.000 folletos nos que se explica o espírito da campaña e o que hai que facer se se atopa un destes libros e serán distribuídos a través de centros de ensino, bibliotecas, asociacións culturais e veciñais, etc.
Máis información aquí ou no 619292991.