Premio Concepción Arenal 2008

carenal2008.jpgOBXECTIVO ◗ Co ánimo de continuar promovendo, tanto o estudo como a investigación posta en práctica de experiencias, solucións e alternativas relativas ao benestar social, e sumindo o labor de mulleres galegas, como a propia Concepción Arenal ou Rosalía de Castro, entre outras precursoras do feminismo, a Deputación Provincial da Coruña convoca a cuarta edición do premio “Concepción Arenal” para temas de interese social dirixido a premiar no ano 2008 aquelas iniciativas que teñan como finalidade a defensa dos dereitos da muller, de conformidade coas seguintges bases:

1. Participantes ◗ Poderán participar nesta convocatoria todas as persoas maiores de idade, tanto individuais como en agrupacións ou colectivos, e as entidades legalmente constituídas.

2. Contido e características dos traballos ◗ O premio poderase conceder a proxectos, estudos e investigacións, sobre a igualdade de xénero relacionados coa provincia da Coruña, ou de carácter xeral. Os traballos consistirán en estudos da realidade sincrónica, a xénese e a súa evolución histórica, así como novas propostas para avanzarmos na igualdade entre mulleres e homes. Os traballos non estarán premiados anteriormente, e no caso dos estudos e investigacións, serán inéditos.

FORMATO: os traballos presentaranse en galego, en número de dous exemplares, con formato DIN A-4, mecanografados a dobre espazo, por unha soa cara, grampados ou encadernados, e coas páxinas numeradas, tamén se pode empregar o soporte informático. Agás no caso do traballo premiado, esta documentación presentada será destruída no prazo dun mes desde a resolución da concesión do premio.

3. Dotación económica do premio ◗ Outorgarase un premio único, dotado con 7.500 €. A deputación poderá publicar o traballo premiado; as persoas autoras cederanlle á deputación todos os dereitos que implica a súa propiedade intelectual, para as edicións do traballo durante un prazo
de dezaoito meses. No caso de editalo, entregaránselle trinta exemplares.

4. Documentación a presentar ◗ As candidaturas dirixiranse á Deputación Provincial da Coruña, Presidencia da Comisión de Benestar Social, Políticas de Igualdade e Normalización Lingüística, na que se indicará: “Premio Concepción Arenal 2008” e conterá:

1º) Unha solicitude de participación na convocatoria, asinada polas persoas naturais ou representantes no caso das persoas xurídicas participantes, cos seus datos identificadores, mencionando o teléfono, fax ou correo electrónico de contacto do ou da solicitante ou representante, no seu caso. Indicarán cal é o traballo que presentan, co seu título identificador, e se este cumpre cos requisitos de achegar os dous exemplares no formato mencionado na base segunda.

Na solicitude declarará ademais baixo a súa responsabilidade:

• Que as persoas solicitantes reúnen as condicións esixidas nas bases da convocatoria do premio e que a participación supón a aceptación de todas elas, consentindo a cesión de dereitos prevista.

• Que as persoas participantes están ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa seguridade social, e nas obrigas verbo da deputación, e non están incursas en ningunha das circunstancias que impidan obter a condición de beneficiarias de axudas públicas conforme ao art. 13-2 da Lei 38/2003, xeral de subvencións.

2º) Achegarase tamén a seguinte documentación:

a) Un informe ou memoria a modo de presentación do traballo.

b) Currículo da persoa solicitante e membros do equipo de traballo, no seu caso.

c) Fotocopia do NIF das persoas físicas que presenten o traballo, e no caso de persoa xurídica fotocopia da identificación fiscal e do documento nacional de identidade da persoa representante.

d) No caso de que o traballo o realice un colectivo sen personalidade xurídica propia, ademais, sinalarase por escrito asinado por todas as persoas partícipes, a cota de participación de cada unha delas para ser ingresada na conta ou contas que sinalen, no caso de pagamento.

e) Declaración xurada de que o traballo non foi premiado anteriormente, e ademais no caso de estudo ou traballo de investigación, que é inédito.

5. Prazo e forma de presentación dos traballos ◗ O prazo de presentación do traballo, rematará o día 30 de setembro de 2008. Débese presentar o traballo xunto coa solicitude e a documentación indicada na base cuarta da convocatoria, no Rexistro correspondente, ou remitila á Deputación Provincial da Coruña, Avda. Alférez Provisional núm. 2, 15006 A Coruña, na forma que vén establecida no art. 38,4 da Lei 30/92, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, no que se especificará en lugar visible: “ IV convocatoria do Premio Concepción Arenal”.

6. Composición e actuación do xurado ◗ O xurado estará presidido polo Sr. Deputado-Presidente da Comisión de Benestar Social e Políticas de Igualdade e formarán parte del a deputada delegada na área de Políticas de Igualdade e cinco persoas de recoñecido prestixio no campo da investigación e na escrita científica ao redor da igualdade de xénero. Actuará como secretario/a o da Corporación ou funcionario/a en quen delegue. O xurado actuará en pleno, sendo necesaria a asistencia de dous terzos dos seus membros. As súas deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente. Serán criterios a ter en conta para a concesión do premio, entre outros, o rigor científico na elaboración do traballo, a aplicación da metodoloxía das técnicas de intervención social, a achega que poida supoñer para a mellora das prácticas profesionais nos concellos, e a proxección do traballo realizado sobre a nosa sociedade. O xurado poderá declarar deserto o premio e a súa proposta será obxecto de resolución da Presidencia desta deputación, que é o órgano competente para resolver o premio.

7. Prazos de concesión e entrega do premio ◗ A concesión do premio decidirase no último trimestre do ano 2008, e darase a coñecer a través dos distintos medios de comunicación. O premio entregarase o día de 25 de novembro de 2008, para facelo coincidir co Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A Coruña, 8 agosto de 2008.