«A Consellaría de Cultura quere facer da cultura galega a canle principal para a proxección de Galiza no mundo. O forte impulso que durante esta lexislatura lle deu o departamento que dirixe Ánxela Bugallo á promoción no exterior da nosa cultura e dos nosos creadores potenciaranse co lanzamento de “The Galician Way” unha marca con imaxe unificada para a exportación da música, a literatura, as artes escénicas, as artes plásticas e o audiovisual galegos.
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, presentaron as liñas que marcarán o traballo a prol da proxección exterior da cultura galega no bienio 2009-2010. A partir da base sólida do traballo dos últimos catro anos, artellarase un novo impulso para a promoción internacional sustentado na creación e desenvolvemento das ferramentas específicas necesarias.
A primeira destas ferramentas é a creación da marca e a imaxe “The Galician Way”, un paraugas baixo o que se agrupan marcas específicas para a proxección exterior de cada un dos sectores da nosa cultura: “Galician Tunes” (música), “Galician Books” (literatura), “Galician Art” (artes plásticas), “Galician Shows” (artes escénicas) e “Galician Films” (audiovisual). A web thegalicianway.com agrupa toda a información dirixida ao exterior referida a estes cinco campos da cultura galega.[…]» (Consellaría de Cultura e Deporte)