IV Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil

A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) convoca o IV Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, segundo as bases publicadas no DOG nº 41, do 27 de febreiro de 2009. A súa dotación económica é de 6.000 euros. Así mesmo, a AGADIC poderá editar o texto galardoado nas súas coleccións, reservando para si os dereitos de edición ou coedición durante un período de dous anos desde a comunicación do ditame. O período de admisión remata o 2 de xuño de 2009. A decisión do xurado producirase antes do 26 de outubro (descargar bases en PDF).

O certame está dirixido a persoas físicas que presenten textos teatrais inéditos, escritos en galego conforme a normativa vixente, non representados nin premiados anteriormente noutros concursos ou convocatorias. Os textos serán de tema e extensión libres, tendo en conta o principio de duración normal dun espectáculo completo. Quedan excluídas as obras de teatro breve e os textos para teatro de monicreques. Quedarán excluídos os orixinais que resultasen ser obra de autores premiados nas dúas convocatorias inmediatamente anteriores.

Os orixinais deben remitirse dentro do prazo establecido á sede da AGADIC en Santiago (Rúa da Vesada, s/n, San Lázaro, 15703) por sextuplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A-4, mecanografados a dobre espazo por unha soa cara, paxinados e grampados ou encadernados. Na portada de cada unha das copias indicarase unicamente o título e/ou lema e o premio a que optan. Non poderá figurar ningún dato que poida identificar o participante e romper o anonimato.

Xunto cos textos, os participantes nesta convocatoria deberán entregar un sobre pechado que reflicta no exterior os mesmos datos que na portada dos textos presentados (título e/ou lema e premio a que optan. No interior deste sobre pechado deberá incluírse:
-solicitude de participación debidamente cuberta e asinada segundo o anexo que figura ao final das bases.
-fotocopia do DNI, NIF, NIE, pasaporte ou documento equivalente.
-declaración asinada polo autor de que o texto presentado non foi publicado nin premiado en ningún momento anterior.

Para a avaliación dos textos constituirase un xurado formado por persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico: dous expertos en literatura dramática, dous elixidos entre escritores, dramaturgos, autores e adaptadores, e outros dous entre directores de escena e outros oficios teatrais. Actuará como secretario, con voz e sen voto, un membro do cadro de persoal da AGADIC proposto pola Dirección da Axencia. O xurado puntuará as obras de acordo aos seguintes criterios de valoración:
-Calidade literaria: 30 puntos
-Calidade dramática: 30 puntos
-Viabilidade escénica: 20 puntos
-Adecuación á especificidade de cada premio: 10 puntos
-Coidado da lingua: 10 puntos.