Lugo: presentación de Ámote vermella de Claudio Rodríguez Fer

O libro Ámote vermella de Claudio Rodríguez Fer, ilustrado por Sara Lamas, preséntase hoxe 23 de marzo en Lugo nun acto que contará coa presenza do autor e do editor, Manuel Bragado. Será a partir das 19 horas na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria de Lugo.

En “Ámote vermella” o poeta Claudio Rodríguez Fer e a pintora Sara Lamas berran contra o exterminio atroz das mulleres desfeitas pola represión, contra o seu esquecemento inxusto e o silencio cómplice no que se mantivo a estas vítimas do fascismo, ao tempo que chaman en solidariedade con todas as comunidades do mundo que padecesen calquera ditadura do terror. O poeta Claudio Rodríguez Fer conclúe a súa triloxía poética sobre a memoria histórica iniciada con Lugo blues e proseguida con A loita continúa (Xerais 2004). Neste poemario elexíaco recupérase a memoria e o rostro das mulleres libertarias asasinadas en Galicia, como Josefa Barreiro González, nai humilde ou Dolores Blanco Montes, a voz das conserveiras e atadeiras do Morrazo. Outrosí faise con Juana Capdevielle, secuestrada tras ser fusilado o seu marido, Francisco Pérez Carballo, gobernador republicano da Coruña, e asasinada e enterrada en Rábade o 18 de agosto de 1936. Elexía pronunciada na lembranza de Amada García, fusilada en Ferrol o 27 de xaneiro de 1938, tras despedirse do seu pai, do seu marido e do seu fillo, acabado de nacer. Homenaxe que se estende ás mestras represaliadas (como María Vázquez Suárez, Mercedes Romero Abella ou a ourensá Erundina Álvarez Pérez), ás matronas republicanas, ás decenas de mulleres descoñecidas que agocharon a fuxidos e pagaron coa súa vida por isto ou a todas as mulleres que tolearon de dor durante aqueles anos da represión. Ámote vermella é un berro emocionante contra o exterminio atroz daquelas vidas desfeitas, contra o esquecemento inxusto e o silencio cómplice no que se mantivo a estas vítimas do fascismo, ao tempo que constitúe un chamado en solidariedade con todas as comunidades do mundo que padecesen calquera ditadura do terror.