A Asociación de Escritores en Lingua Galega súmase ao pronunciamento público difundido pola Real Academia Galega en que, desde a máxima autoridade que lle corresponde a esta institución, como depositaria do ordenamento normativo da lingua galega por decisión do Parlamento de Galicia e a Lei de Normalización Lingüística de 1983, demanda ao actual goberno da Xunta de Galicia o compromiso de continuidade na protección normativa da nosa lingua propia, desde a consideración de que a lingua galega é patrimonio histórico de toda a sociedade, do pobo que a creou como parte consubstancial da súa identidade como nación e como colectividade.
A condición real do galego como lingua recesiva no seo da sociedade galega, debido á ruptura da natural transmisión interxeracional, así como á non superación de prexuízos lingüísticos, reforzados recentemente desde unha apoiatura mediática interesada e partidista, obriga a apelar á inmediata restauración do respecto lingüístico e apostar por ofrecer ao conxunto da sociedade, e en especial á infancia e á mocidade, as ferramentas de coñecemento e uso necesarias para o (re)encontro e posta en valor da nosa lingua propia.
Rexeitamos, consecuentemente, os reiterados anuncios de derrogación do Decreto 124 realizados desde a Xunta de Galicia, porque o que cómpre, o que é urxente, é a aplicación dese Decreto e que se garanta que as nenas e os nenos, a mocidade, reciba ensino en galego, aprenda en galego, aprenda o galego, e poida así medrar coñecendo o seu idioma, facéndoo vivo na súa propia boca, manténdoo vivo cara ao futuro.