A Coruña: Ana Salgado participa no ciclo Escrita(s) da Galería Sargadelos

Mañá xoves 21 de maio ás 20 horas comezará a segunda sesión do ciclo Escrita(s) na Galería Sargadelos da Coruña. Baixo o título Pedra e carniza intelixente Ana Salgado enfiará unha achega á poesía de vontade comunal feita nas últimas décadas para pór de relevo os intentos de problematizar algunhas nocións entre as que están identidade, nación, intimidade, clase, xénero ou dominación.

Ana Salgado é licenciada en Filoloxía Galega na Universidade de Santiago. O seu labor profesional desenvolveuse no Servizo de Normalización Lingüística da USC, na Área de Publicacións do Consello da Cultura Galega ou na Compañía Radio Televisión de Galicia. Na actualidade é redactora de Praza das Letras (revista e portal) e coordinadora de Protexta, suplemento literario da revista Tempos Novos.