XVII Premio Lueiro Rey de novela curta

Coa finalidade de honrar a memoria do escritor Manuel Lueiro Rey, na vontade de coadxuvar na promoción da escrita literaria en lingua galega e na divulgación dos seus autores e autoras, e como resultado dun convenio de colaboración con Sotelo Blanco Edicións, o Concello do Grove convoca o XVII Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta, dotado con 3.000 euros e que se rexerá polas seguintes

BASES

Primeira.- Será concorrente ao Premio calquera persoa física, que presente o seu texto en Lingua Galega, conforme ás Normas Ortográficas vixentes. Os textos presentados, amais de seren inéditos e totalmente orixinais, han ter unha extensión mínima de cincuenta (50) páxinas e unha extensión máxima de cen (100) páxinas, tamaño folio, de dúas mil matrices cada páxina, aproximadamente.

Segunda.- Con cada un dos textos concorrentes, presentaranse cinco copias en papel e unha en soporte dixital, nun documento de Word, antes do día 30 de xaneiro do ano 2010, remitíndoas ao enderezo seguinte:

XVII Premio Manuel Lueiro Rey
Concello do Grove
Praza do Corgo s/n
36980 O Grove (Pontevedra)

Terceira.- Xunto o texto, que irá precedido polo título e o lema escollido polo autor ou autora, xuntarase un sobre pechado no que figure no exterior o lema e mailo título e que no interior conteña o nome completo, enderezos postal e electrónico e o teléfono de quen sexa autor ou autora do mesmo, así como o título do libro; indicando no sobre XVII Premio Manuel Lueiro Rey de novela curta.

Cuarta.- O xurado estará composto por cinco membros especialistas en literatura. Un deles será o gañador, ou gañadora, da edición anterior do premio, dous serán nomeados polo Comité Organizador e os dous restantes participarán en representación de Sotelo Blanco Edicións. O premio outorgarase por maioría de votos. Actuará como secretario do xurado, con voz e sen voto, o concelleiro de Cultura do Concello do Grove. Os membros do xurado serán dados a coñecer antes da concesión do premio.

Quinta.- A decisión do xurado, que será inapelable, e darase a coñecer durante o mes de abril do 2010.

Sexta.- O premio, que é indivisible, poderase declarar deserto, caso de o xurado así o estimar en decisión inapelable.

Sétima.- A editorial Sotelo Blanco, segundo acordo co Concello do Grove, e en calidade de entidade colaboradora, resérvase o dereito de publicación, sen limitación do número de exemplares nin de edicións, da obra gañadora, reservándose tamén os dereitos preferentes de edición da mesma en lingua galega coa posibilidade de cederlle tales dereitos a terceiros.

A contía do premio considerarase en concepto de adianto polos dereitos de autor. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada, que lle serán entregados pola editorial que publica a obra. Todo esto sen menoscabo do regulado pola Lei da Propiedade Intelectual vixente, que prevalecerá sobre o Convenio mencionado.

Oitava.- Os orixinais non premiados poderanse recuperar, con cargo aos autores e autoras concorrentes, logo de pasados quince días da data do fallo. Os orixinais que non fosen retirados destruiranse pasados trinta días da emisión do fallo do xurado.

A participación neste premio significa a completa aceptación das presentes bases e mais das decisións do xurado que se designe.

O Grove, 15 de decembro de 2008

Máis información: Concellería de Cultura do Concello do Grove, 608 216 967