Xosé Luís Méndez Ferrín: “O adxectivo Real foi un xeito de defenderse dos caciques autóctonos”

Entrevista de Daniel Salgado a Xosé Luís Méndez Ferrín no suplemento Luces de El País:

P. Posicionamentos da Academia tan inequívocos como o referente á lingua, non poden dificultar a negociación dun mellor financiamento coa Xunta?

R. Non ten nada que ver. Non creo que a Xunta de Galicia nos vaia castigar, nin vingarse. Sería pensar moi mal da xente. Penso que esas cousas non ocorren.

P. Daquela, a soberanía da que adoitan gabarse os académicos non é un mito?

R. A Academia é soberana. Comprobamos que o é. O documento chamado Análise académica, que é crítico co decreto do galego da Xunta, foi unha decisión respaldada por unanimidade, respaldada mesmo por dous académicos que non concorren ao plenario, que están separados voluntariamente dos traballos académicos.

P. Intentará que eses dous académicos, Xesús Alonso Montero e Xosé Luís Franco Grande, se reincorporen á vida activa da institución?

R. Tanto eu como todos os meus colegas están desexando que se incorporen plenamente. Xa se incorporaron de forma efectiva á Análise académica e fixeron valiosas contribucións. Pero, polo menos, que aparezan tamén fisicamente.