Conversa con Méndez Ferrín: “O que é radical é o goberno da Xunta, demostrouno co decreto do galego”

Xornal de Galicia mantivo un café de redacción co escritor e actual presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín:

Que sente cando lle aplican adxectivos como “radical” ou “batasuno”?

Paréceme que o que é radical é o cambio que fai este Goberno coa situación do galego no ensino. E digo radical porque vai á raíz. Se o decreto era antes medio protector do galego, agora é desprotector, e iso é radicalismo. E creo que este Goberno non está capacitado para ser tan radical, porque ten unha maioría moi precaria, e estase enfrontando á sociedade, e a sectores moi importantes do seu propio partido, aos que intentou estrangular en Ourense, sen conseguilo. E que digan que son batasuno, non sei nin que contestar. Non teño nada que ver co País Vasco, agás que é unha terra que me gusta e visito sempre que podo.

A Academia apoiaría un decreto que repartise o galego no ensino ao 50%?

Si, se non ten que haber un equilibrio total, como non o hai na sociedade. Terá que haber unha discriminación positiva a prol do galego. Hai que fomentar o galego, porque o castelán non o precisa. Pero, por suposto, hai que saber falalo e escribilo tan ben como o galego, e iso sería suficiente. O exterminio do castelán en Galicia non está na mente de ninguén que sexa normal. Non coñezo ninguén que o pense, pero hai moitos galegos que queren exterminar o galego dentro de si mesmos, e irrítanse cada vez que o galego dá un pasiño