A Concellería de Cultura do Concello de Culleredo, como complemento á Programación de Primavera da “AULA DA POESÍA” da Biblioteca de Poesía “Uxío Novoneyra” de Vilamelania-Vilaboa, organiza o II Obradoiro de Poesía, dende o 5 de abril ao 10 de maio, impartido polo poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello e dirixido a persoas maiores de 16 anos, cun máximo de trinta prazas e con carácter gratuíto. Os interesados en asistir deben dirixirse á Concellería de Cultura do Concello de Culleredo, Edificio de Servicios Múltiples do Burgo, teléfono 981665597, ou ben enviar un correo electrónico.
Na presente edición do Obradoiro de Poesía levarase a cabo, procurando a novidade e a orixinalidade, a implantación dun “taller temático”, no cal a creación poética ocupará un lugar central no traballo dos participantes. Sen deixar de lado aspectos teóricos e discursivos, sempre necesarios e interesantes, o Obradoiro establecerase como “lugar de escrita”, como ámbito de exploración e fixación práctica e material do poema. A partir de liñas e propostas de acción concretas, os participantes elaborarán diferentes textos poéticos, primando en todo momento a aprendizaxe e a máxima esixencia formal no que se prefigura como un laboratorio vivo de poesía.
O taller terá unha duración total de 12 horas. As clases impartiranse todos os luns, en horario de 20:00 a 22:00 h. A inauguración terá lugar o luns 5 de abril, e continuará, nese mesmo mes, os días 12, 19 e 26, pasando logo aos días 3 e 10 de maio, data final esta última do Obradoiro. Unha vez rematado o Obradoiro procederase á edición dun caderno/libro que conterá unha selección dos mellores poemas escritos polos alumnos e alumnas participantes.