Homenaxe aos regueifeiros do Concello de Ponteceso

Compostela: actividades do 9 de outubro na SELIC 2026

Ponteareas: Escola de escritura creativa da Asociación Canda Nós

“Nace a Escola de Escritura Creativa.
Ademais de coñecer á nosa autora Clara do Roxo na súa presentación, agora poderás formar parte dunha nova actividade para descubrir, aprender e gozar do mundo da escritura.
Durante 6 meses, e con encontros quincenais de 2 horas, contaremos con Clara do Roxo, Vanessa Glemsel e Carmen Pereiro-Oliveira, que nos achegarán diferentes formas de crear e contar historias:
– Relato e construción de personaxes.
– Creación poética.
– Microrrelato.
Unha escola na que haberá obradoiros, clases maxistrais, experiencias literarias e moito máis, nun espazo para experimentar, compartir e desenvolver a túa propia voz.
– Centro Artístico Sportivo (Ponteareas)
– Actividade quincenal · 6 meses
– Inscricións: asociacioncandanos@gmail.com
– 606 77 45 07″

Betanzos: Obradoiro de creación literaria Atopar (e escribir) as historias (agochadas), con Xesús Fraga

O Obradoiro de creación literaria Atopar (e escribir) as historias (agochadas) é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, actividade subvencionada pola Deputación da Coruña, coa colaboración da Libraría Biblos de Betanzos. Será impartido por Xesús Fraga, cunha sesión especial con Ángel de la Cruz.

Horarios e calendario:
De 17:00 a 20:00 h. os sábados:
– 24 e 31 de outubro
– 7, 14, 21 e 28 de novembro

De 17:00 a 19:00 h. o sábado:
– 12 de decembro

Todas as sesións terán lugar na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4), en Betanzos.

Hai 15 prazas para persoas maiores de 18 anos. A inscrición, gratuíta, realizarase, indicando nome e apelidos, xunto ao nome do obradoiro, enviado un correo electrónico a oficina@aelg.org. As solicitudes atenderanse por orde cronolóxica de chegada. A inscrición de cada persoa participante entenderase feita para o conxunto da actividade.

“Seica Michelangelo dicía que o seu traballo como artista era atopar a escultura oculta que xa había dentro dun bloque de mármore: limitábase a retirar o que sobraba. Ese materia prima súa era o resultado dun proceso metamórfico de varios millóns de anos que transforma o que noutrora eran cunchas mariñas en rocha caliza, que os procesos internos da terra acaban por converter en mármore. De igual xeito, tamén as historias nacen dun longo desenvolvemento no que se van sedimentando materiais diversos: o visto e o lido, o recordado e o esquecido, os mortos e os vivos. Igual que a actividade tectónica empurra do mármore ata sacalo á superficie, tamén eses compoñentes do relato acaban por agromar. E, sen ousar compararnos co mestre italiano, temos que ir buscando os personaxes e as historias para que vexan a luz. Facémolo coas ferramentas do oficio, pero tamén coa guía da intuición, que non é máis que aquilo que non sabiamos que sabiamos.”

Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Compostela: actividades do 3 de outubro na SELIC 2026

A Coruña: roteiro Onde baten as ondas do meu corazón, guiado por Ana Ramil

O Roteiro Onde baten as ondas do meu corazón é unha iniciativa da AELG, desenvolvida co apoio do Concello da Coruña, que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria.

O presente roteiro será guiado pola poeta Ana Ramil. En palabras da autora: “Dende a coiraza do Orzán ata a praza das Bárbaras, o pulso da península desbócase e amaina ao compás da nosa marcha.”

Terá lugar o domingo 4 de outubro de 2026, a partir das 12:00 horas, na cidade da Coruña. O punto de saída será o Paseo Marítimo da praia do Orzán, á altura da Avenida Barrié de la Maza, número 19. A asistencia é gratuíta. Non é precisa inscrición previa.

Obradoiro de creación literaria Non sei o que vou escribir, con Carlos Callón, en Compostela

O Obradoiro de creación literaria Non sei o que vou escribir é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, actividade subvencionada pola Deputación da Coruña, coa colaboración da Libraría Couceiro, de Santiago de Compostela.

Será impartido por Carlos Callón, contando cunha sesión especial a cargo de Antón Lopo.

“Este é un obradoiro que parte dunha idea de Marguerite Duras que acompañou e continúa a acompañar o relator na súa traxectoria como poeta e ensaísta: «Escribir é tentar saber o que escribiriamos se escribísemos». Ao longo das sesións abordaremos a escrita non só como expresión dunha idea previa, senón tamén como ferramenta de descubrimento e, mesmo, como forma de nos achegarmos a algo que poidamos chamar verdade, con aspas ou sen elas.
A través dun percurso pola obra do relator, desde os primeiros proxectos até os máis recentes, exploraranse cuestións como o nacemento dun libro, a procura dunha voz propia, as relacións entre documentación e creación, a escolla da forma, a reescrita e os procesos polos que textos dispersos acaban conformando unha unidade, ou talvez un enxame. As sesións combinarán exposición, lectura comentada, conversa e prácticas breves.”

Hai 20 prazas para persoas maiores de 18 anos. A inscrición, gratuíta, realizarase, indicando nome e apelidos, xunto ao nome do obradoiro, enviado un correo electrónico a oficina@aelg.org. As solicitudes atenderanse por orde cronolóxica de chegada. A inscrición de cada persoa participante entenderase feita para o conxunto da actividade.

Horarios e calendario:
De 17:00 a 19:00 h. nas seguintes cuartas feiras/mércores:
– 14, 21 e 28 de outubro
– 4, 11, 18 e 25 de novembro
– 2, 9 e 16 de decembro

Todas as sesións terán lugar na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), en Santiago de Compostela.

Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.