Pilar García Negro, XV Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

Reunido o xurado, composto por Fernando Acuña Castroviejo (en representación do Concello de Castro Caldelas), Teresa Devesa Graña (en representación do Concello de Allariz) que enviou o seu voto por correo, Luís Martínez-Risco Daviña (en representación da Fundación Vicente Risco), Francisco Fernández Rei (en representación da Fundación Sotelo Blanco) e Xosé María Eguileta Franco (en representación da Fundación Vicente Risco e Fundación Sotelo Blanco), acordou por unanimidade:

1.-Valorar a calidade científica dos traballos presentados.

2.-Conceder o XV PREMIO “VICENTE RISCO” DE CIENCIAS SOCIAIS ó traballo
presentado co lema Firmiter in re, suaviter in modo e co título O clamor da rebeldía. O nacemento do ensaio na literatura galega contemporánea, simultáneo ao nacemento da conciencia de xénero: análise e interpretación de textos rosalianos. Aberto o sobre correspondente, a persoa gañadora resultou ser María Pilar García Negro, domiciliada na Coruña.

Trátase dun excelente ensaio no que a autora con gran madurez reflexiona sobre a figura de Rosalía non só como fundadora da literatura galega contemporánea senón tamén como membro dun colectivo que nunha situación totalmente adversa e de xeral desprestixio de Galicia e dos galegos soubo reivindicar a lingua galega e tamén a dignidade das galegas e galegos como pobo.

Este premio está dotado con 6.000 euros e a obra gañadora será publicada por Sotelo Blanco Edicións.

En Santiago de Compostela, a 27 de febreiro de 2010.