Montse Fajardo recibe o Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual

Desde Nós Diario:
“A xornalista e escritora Montse Fajardo resultou ser a gañadora do Premio Xohana Torres 2023, un galardón que distingue ao mellor ensaio, investigación ou creación audiovisual que, desde unha perspectiva feminista, aborda o papel das mulleres na sociedade galega. Fajardo recibiu o recoñecemento polo seu traballo de investigación O patronato franquista: un inferno para as mulleres aínda descoñecido.
“Estou moi contenta, especialmente vendo as persoas que constitúen o xurado, nomes moi recoñecidos na memoria histórica con perspectiva de xénero”, declara Fajardo a Nós Diario. “Mais sobre todo espero que o premio sirva para dar a coñecer o que significou o Patronato, a extrema crueldade coa que actuaba baixo a aparencia dun organismo benéfico”.
O Patronato de Protección a la Mujer foi unha institución pública de reformatorios da España franquista, encadrada no Ministerio de Justicia que teoricamente, tiña como obxectivos a dignificación moral das mozas das que se facía cargo –sempre menores de 25 anos– para que non as explotasen, o seu afastamento do vicio e a súa educación de acordo coa relixión católica. Porén, ese propósito traduciuse na eliminación de calquera mostra de liberdade ou de decisión sobre o corpo das mulleres que ingresaban alí.
“Abría as portas do inferno a calquera moza cuxo comportamento se afastase da moral imposta polo franquismo”, explica Fajardo. “Manter un comportamento tan indecoroso como bicar con paixón un mozo, podería ser constitutivo de ingreso nas institucións do Patronato”.
Unha vez acollidas pola institución, estas mulleres pasaban por un auténtico calvario de humillacións, agresións físicas e mesmo sexuais da man dos seus titores, que agachaban o seu delito sinalando o suposto pecado feminino. A institución, ademais, estivo relacionada coas tramas de roubo de bebés, xa que unha das causas polas que podía ingresar unha muller nova era a de quedar embarazada sen estar casada.
A coartada da beneficencia fixo que a verdade sobre esta institución tardase moito en saír a luz e, de feito, sorprende o silencio deitado sobre ela.
“Precisamente por esa imaxe de institución benéfica escapou ao escrutinio das historiadoras. Mesmo xente moi comprometida coa memoria histórica ignoraba a magnitude do que sucedía alí. Espero que este premio sirva para difundir e para afondar no seu estudo”, remata Fajardo.”

Montserrat Fajardo, gañadora da edición 2023 dos Premios SELIC con Onde habita a tolemia

Desde o Concello de Santiago de Compostela:
Montserrat Fajardo é a gañadora da sétima edición dos Premios SELIC de creación literaria na modalidade de ensaio, pola súa obra Onde habita a tolemia na que a autora visibiliza a enfermidade mental e a represión institucional contra as mulleres psiquiatrizadas nunha historia ambientada nunha institución mental de Santiago.
O xurado considera que a obra Onde habita a tolemia é merecedora da edición deste ano polo “interese da temática e a abordaxe da cidade desde unha óptica pouco frecuente”, xa que se centra “nunha institución cunha presenza fundamental en Compostela e visibiliza a enfermidade mental”. Tamén se valorou a capacidade da autora para deixar “entrever a represión institucional contra as mulleres psiquiatrizadas na posguerra e narra historias de vida emocionantes cunha polifonía de voces”.
A gañadora do Premio SELIC recibirá unha recompensa económica de 6000 euros e a súa obra será publicada na colección SELIC que edita o Concello de Santiago.
O xurado que seleccionou a obras gañadora desta edición dos Premios SELIC estivo integrado por Margarita Tojo González, Manuel Carlos Núñez Singala, María do Carme Varela Rodríguez, Bieito Iglesias Araujo e Carlos Valdés García, asistidos polo técnico municipal de programación e xestión cultural Xesús Amado, en calidade de secretario.”

Yolanda Castaño gaña o XXIII Premio Ramón Piñeiro de Ensaio con Economía e Poesía: rimas internas

Desde Editorial Galaxia:
“Reunido o 14 de decembro de 2023 o xurado na cidade de Santiago de Compostela, convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia, co patrocinio de Caixa Rural Galega; composto por María López Sández, Amancio Liñares Giraut, Rocío Carolo, Marcos Calveiro e Armando Requeixo, que actuou como secretario con voz e con voto.
Despois das correspondentes deliberacións, o xurado decide, por maioría, outorgar o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, na súa vixésimo terceira edición, á obra titulada Economía e Poesía: rimas internas.
O xurado destacou neste ensaio a súa capacidade para abrir un debate sobre a profesionalización do mundo cultural e a necesidade de dignificar as e os traballadores da palabra en xeral, e da poesía, en particular, con remuneracións acordes ao valor e importancia do seu traballo.
Defensor de posicións fondamente polémicas, este ensaio critica procederes dos distintos axentes do sistema cultural tendentes á desprofesionalización do oficio autorial e á minusvalorización das súas achegas.
Economía e Poesía: rimas internas establece un diálogo complexo, cheo de luces e sombras, que interpela a colectivos, institucións, artistas e profesionais incidindo na aposta polo xusto pagamento aos labores do oficio de poeta alén das concesións militantes.
Ensaio controvertido arestado e personalísimo, este texto bebe da singular experiencia da autora para elaborar unha crítica do noso mundo literario que, sen dúbida, non deixará a ninguén indiferente. (…)”

O XIV Premio de Ensaio Manuel Murguía da Deputación da Coruña recae na investigadora e docente Blanca Paula Rodríguez Garabatos

Desde a Deputación da Coruña:
“A compostelá Blanca Paula Rodríguez Garabatos é a gañadora do XIV Premio de Ensaio Manuel Murguía, que concede a Deputación da Coruña, pola súa obra Catro exemplos da ‘arte dexenerada’ galega fóra da España saudable. O premio está dotado con 6.500 euros e coa publicación da obra.
A autora é investigadora, catedrática de Xeografía e Historia, escritora e docente de secundaria. Ten impartido clases e conferencias sobre arte, moda, semiótica e literatura na Universidade e en congresos internacionais. Ademais, é doutora en Estudos Literarios pola Universidade da Coruña cunha tese titulada: Moda de la Belle Epoque e indumentaria en la obra de Emilia Pardo Bazán.
O xurado estivo composto por ensaístas, docentes e escritores como Manuel Gago, María López Sández, Rafael Quintía, Inma Otero Varela e o gañador da pasada edición, Bieito Alonso. Tamén forman parte o deputado de Cultura, Xurxo Couto, e a xefa da sección de Cultura, Mercedes Fernández Albalat.
O xurado valorou que a obra gañadora “traza confluencias entre catro dos artistas máis destacados da arte galega do século XX: Colmeiro, Granell, Maruja Mallo e Seoane, no contexto histórico dos fascismos europeos. Desde unha perspectiva interartística, afonda nas artes plásticas cun enfoque ideolóxico e hermenéutico. O texto ten vontade de estilo e a súa lectura flúe nun ton ensaístico que traza as vidas cruzadas dos artistas e a súa plasmación na produción, revelando as proximidades e diverxencias das súas biografías -marcadas pola Guerra Civil-, mais tamén as circunstancias da época e as ideas en conflito que a modelaron”. (…)”

Enrique Manuel Neira gaña o Vicente Risco cun traballo sobre Intelixencia Artificial e tecnoloxía

Desde La Región:
“Enrique Manuel Neira Pereira foi designado coma o gañador do XXVII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais pola súa obra Do aritmómetro á computación cuántica. Como as máquinas de cálculo, informáticas, robóticas e de comunicación transformaron Galicia nun século e medio.
O xurado (composto por Teresa Devesa, Xaquín Vázquez, Carmen Villarino, Xosé Henrique Costas e Isabel Mociño) valorou deste traballo que se trate “dunha historia que aposta pola modernidade e polo futuro dende Galicia. Unha panorámica da contribución das galegas e galegos ao avance das máquinas calculadoras, da programación informática, da robótica, dos satélites e da intelixencia artificial, todo isto encadrelado con abondosas referencias literarias”.
Do mesmo xeito, os integrantes do xurado tamén consideraron merecente de accéssit a obra Sobreviver na palabra escrita a trajetória intelectual. Ademais, manifestaron que “todos os traballos presentados a esta edición contan cun alto nivel de calidade e que, en aplicación das bases do certame, só se valoran aqueles se axeitan ás bases: anónimos e inéditos en calquera formato”. (…)”

Manolo González e Moncha Fuentes gañan o premio Losada Diéguez no Carballiño

Desde La Región:
“Nun acto celebrado no salón de plenos do Concello do Carballiño, e tras longas deliberacións, o xurado decidiu as persoas gañadoras dos premios Antón Losada Diéguez. Acordouse por unanimidade outorgar o premio, na categoría de Investigación e ensaio, á obra Nos días encantados de agosto. Biografía de José Gil. Para unha historia do cinema en lingua galega (Editorial Galaxia), de Manolo González. Trátase dun libro que dá a coñecer a vida e obra dun artista até agora descoñecido: o fotógrafo e cineasta José Gil. “A súa escrita é case novelesca, policíaca, divertida e de moi fácil lectura, así como a súa orixinal achega á historia da fotografía, o cinema e o audiovisual galego”, apuntan desde o xurado.
A maioría dos presentes decidiu outorgar o Premio Antón Losada Diéguez, na categoría de Creación Literaria, a O tradutor de sombras (Edicións Xerais), de Moncha Fuentes.
O xurado destacou a gran calidade dos traballos de creación presentados nesta edición dun premio que vai camiño das súas cuatro décadas de existencia, e nomeadamente ao poemario de Cesáreo Sánchez Iglesias, A árbore que dá as lágrimas de Shiva, finalista do concurso.”

Xosé Antón Cascudo Rodríguez gaña o Premio Ramón Piñeiro 2022

Desde Galaxia:
“A obra A mística da feminidade en Mad Men, de Xosé Antón Cascudo, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2022, que organizan conxuntamente o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Secretaría Xeral de Política Lingüísitca da Xunta de Galicia e a Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega. A xuntanza do xurado realizouse na mañá do 26 de decembro, nas instalacións do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en Santiago de Compostela.
O ensaio premiado nesta XXII edición do Premio Ramón Piñeiro, está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano.
Compuxeron o xurado Rocío Carolo, Marcos Calveiro, María López Sández, Marta Neira e Armando Requeixo, que actuou como secretario con voz e con voto.
O xurado valorou en A mísitca da feminidade en Mad Men a súa aposta polo ensaio dende a análise semiótica do audiovisual máis icónico, no que se estuda a cuestión de xénero integrando na revisión o mellor das análises e do pensamento sobre o tema.
Escrito cun estilo ensaístico moi ben perfilado, posuidor dunha estrutura acaidamente arborada, A mística da feminidade en Mad Men achega, e anosa, unha proposta ensaística que conecta co máis destacado dos estudos internacionais neste ámbito, reflexionando sobre a construción do socioidentitario a través dunha das series máis recoñecidas e influíntes do noso tempo.
Así mesmo, o xurado salientou a variedade e o interese do conxunto de traballos presentados a concurso, o que amosa a vitalidade do xénero ensaístico en Galicia e espella a solidez da traxectoria deste certame, polo que levan apostando dende hai máis de dúas décadas a Editorial Galaxia e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Secreatría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. (…)”

Irmandiñas, de Aurora Marco, gaña o III Premio de Investigación Baltar Feijóo

Desde a Fundación Rosalía:
“O xurado do III Premio de Investigación e Ensaio Ramón Baltar Feijóo optou de forma unánime por galardoar Irmandiñas, de Aurora Marco (Laiovento, 2020) como obra máis destacada dos dous últimos anos no estudo do período histórico relativo ao fondo documental que leva o seu nome e que foi depositado no Arquivo da Casa de Rosalía pola familia Baltar García-Peñuela, que vai desde o Rexurdimento ata a Xeración Nós.
O xurado, que premiou Irmandiñas por unanimidade, salientou que “é unha obra de dilatada investigación que ilumina unha parte fundamental da cultura galega contemporánea desenvolta no periodo das Irmandades: a protagonizada por mulleres. Contén un grande esforzo investigador que inclúe documentación escrita e gráfica e vén agrandar toda unha traxectoria guiada polo obxectivo de restaurar para a muller o papel que lle corresponde na sociedade”.
Reunido de forma presencial e telemática, o xurado estivo formado por Xosé Luís Axeitos, membro da Real Academia Galega; Francisco Prado Vilar, historiador; Lydia Fontoira, profesora da USC; Ernesto Baltar, membro da familia Baltar Feijóo; ademais de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía.
Irmandiñas consegue, a través dunha pescuda perseverante en hemerotecas, arquivos e fontes orais, confirmar documentalmente que na acción social, cultural e política tamén estaban elas. Estaban no activismo inicial tras o nacemento das Irmandades, nos coros e agrupacións teatrais, na actividade intelectual do Seminario de Estudos Galegos, no desenvolvemento editorial galego, na actividade política, no espallamento do ideal galeguista e republicano, na defensa da lingua, na escrita… Alí estaban as mulleres galegas cuxas traxectorias se recollen neste libro para tentar cubrir un inxusto baleiro. (…)
A entrega do premio, que é honorífico (diploma e insignias da Casa de Rosalía), terá lugar no transcurso dun acto a celebrar no auditorio da Casa-Museo de Rosalía o 29 deste mes de decembro.
A Fundación Rosalía de Castro convocou en setembro a terceira edición do Premio de Investigación e Ensaio Ramón Baltar Feijóo co obxectivo de contribuír ao fomento do estudo do período histórico relativo ao fondo documental que leva o seu nome e que foi depositado no Arquivo da Casa de Rosalía pola familia Baltar García-Peñuela, que vai desde o Rexurdimento ata a Xeración Nós.
Este galardón pretende tamén honrar os valores de protección e mecenado da familia para con Padrón, coa cultura galega en xeral e para con figuras de tanta relevancia coma Rosalía de Castro, Manuel Murguía ou Alfonso Daniel R. Castelao. (…)”

David Rodríguez, premio Vicente Risco por un estudo sobre Castelao

Desde Nós Diario (foto do autor, de Nós Diario):
“David Rodríguez resultou gañador da XXVI edición do premio de Ciencias Sociais da Fundación Vicente Risco. Rodríguez, autor do volume O canastro é o tornarratos, é unha das voces de máis relevo do ensaio galego actual. Precisamente, este traballo significou a consolidación dun autor que xa se tiña dado a coñecer en diversas obras colectivas e mediante o blog O funambulista coxo, cuxos traballos foron publicado en parte en 2012.
A obra premiada pola Fundación Vicente Risco leva por título Liberdades antigas, tempos modernos: o republicanismo en Castelao e nela achega novas perspectivas de análise sobre o pensamento do líder nacionalista.
David Rodríguez sinala a Nós Diario que con este traballo pretende “descubrir o que había de cultura política republicana en Castelao”. Neste caso, “o seu é un republicanismo antigo, non un republicanismo liberal, por iso pon o foco na comunidade, que precede ao individuo”.
Rodríguez ten presente na súa análise a formulación de Benjamin Cnostant. “Constant un liberal clásico, diferenciaba entre a liberdade dos modernos e liberdade dos antigos”, afirma Rodríguez, quen destaca que na segunda “o colectivo se antepón ao individuo e todo é politizábel”.
“Castelao rexeita a tradición republicana francesa e contrapona a unha tradición ibérica, que nesta caso é confederal”, continúa Rodríguez, quen defende que “o pouso tradicionalista de Risco enchoupa o pensamento de Castelao”.
Os debates de Castelao teñen un importante carácter xeracional. Nesta liña, Rodríguez apunta a analoxía entre as súas formulacións e dalgúns contemporáneos, “como acontece con Gramsci, no referido ao populismo ou ao nacional popular”.
Rodríguez observa en Castelao preocupacións semellantes “ás expresadas por Polanyi no seu volume A grande transformación ou as defendidas por Walter Benjamin sobre o carácter non lineal da idea de progreso”, defendidas polas correntes mecanicistas do marxismo.
“O pensamento de Castelao certifica que non hai quebra entre o Partido Galeguista e o nacionalismo de matriz marxista que xurde na década dos 60”, certifica Rodríguez, quen cuestiona “a tese do piñeirismo que quere estabelecer unha incompatibilidade entre estas dúas correntes”.”

Roberto Mera e Santiago Lopo, galardoados cos premios Antón Losada Diéguez de 2022

Desde Faro de Vigo (foto de Faro de Vigo):
“O Concello de Boborás acolleu a reunión do xurado da 37 edición do Premio Antón Losada Diéguez, no que resultou gañador na categoría de enseio e investigación o traballo Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos, de Roberto Mera Covas, publicado pola editorial Belagua. O gañador na categoría de creación literaria foi Santiago Lopo, autor de A Carteira, editado por Xerais. Cada un deles recibirá 6.000 euros.
Os concellos de Boborás e O Carballiño manteñen o premio Antón Losada Diéguez para contribuír ó fomento da cultura galega pola que loitou este insigne galeguista, e tamén para perpetuar a súa memoria. A alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, presidiu a reunión do xurado, composto por Ramón Nicolás Rodríguez, da Real Academia Galega, María Xosé Porteiro García, do Consello da Cultura Galega, Francisco Fariña Busto, do Museo do Pobo Galego, Luís González Tosar, representante da Deputación, Xosé H. Costas, da Universidade de Vigo, Carlos Caetano Biscaínho, da Universidade da Coruña, e actuando como vicepresidente Diego Fernández, edil de Cultura do Carballiño.
Despois dun intenso debate, dada a calidade das obras presentadas, o xurado decidiu por maioría conceder o premio a Alejandro Viana. Un galego a fronte do rescate dos refuxiados republicanos, pola “recuperación e investigación minuciosa sobre un persoeiro pouco coñecido para o gran público, que desenvolveu un labor importante na recuperación da dignidade dos refuxiados españois perdedores da guerra e da súa evacuación a América, cunha ética estrita, e participou na súa evacuación”.
No campo da creación literaria o xurado decidiu por unanimidade recoñecer a obra A Carteira, xustificando a decisión en que se trata dunha visión “das dúas primeiras décadas do século XXI, tanto a nivel de traballo como de relacións personais e a transfromación da paisaxe urbana. A perspectiva de chegar aos seus personaxes a través do seu comportamento. A temática do fondo social, a soidade e a presenza do considerado marxinal.Ten unha dinámica de movemento continuo con certo sentido do humor, e é unha obra de lectura sinxela”.
A esta edición presentáronse un total de 23 traballos na categoría de creación literaria, e 11 na de investigación e ensaio. Nesta última concorreron algúns menos que na convocatoria do 2021.
Os premios entregaránse o día 11 de xuño, no Pazo dos Losada-Diéguez, en Moldes, Boborás, despois de que o pasado ano se fixera na Carballeira de Moldes, por motivo das obras que se estaban a facer no inmoble. A intención da alcaldesa é que ese día tamén estean presentes os premiados na edición do 2020, o político e intelectual Camilo Nogueira e o poeta Eduard Velasco, xa que por mor da pandemia non houbo aquel ano un acto de entrega.”