No ano 2004 a Asociación de Escritores en Lingua Galega (Aelg) puxo en marcha a homenaxe “Os bos e xenerosos”, un acto de recoñecemento da figura dun escritor/a ou colectivo que contribuíse a unha maior difusión pública da cultura galega desde o compromiso vital con Galicia.
Son “bos e xenerosos” Avelino Pousa Antelo (2004), o Museo do Pobo Galego (2005), a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas! (2006), o Laboratorio de Formas de Galicia, singularizado na persoa de Isaac Díaz Pardo (2007), a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (2008), e Mariví Villaverde na edición do ano pasado.
Este 2010, a homenaxe alcanza os sete anos de vida co tributo que se renderá aos Concellos que participan no desenvolvemento do Premio Blanco Amor de Novela Longa, nun acto que se desenvolverá no Salón de Actos do Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela), o sábado 6 de marzo ás 12,00 horas da mañá, segundo o seguinte programa:
12,00 horas
Acto musical a cargo de Xabier Díaz
12,15 horas
Intervención de Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG
Lectura da acta de concesión do Premio por Mercedes Queixas, Secretaria Xeral da AELG
Laudatio, pronunciada por Francisco Castro
Intervencións do Alcalde de Redondela (primer concello que organizou o “Premio Blanco Amor”) e da Concelleira de Cultura do Concello de Poio.
Entrega dunha placa conmemorativa ao Concello de Poio, organizador do “Premio Blanco Amor” deste ano
Entrega de diplomas a todos os Concellos organizadores.