Hixinio Puentes: “Dedicarse en exclusiva ao mundo das letras é unha heroicidade, ou un suicidio”

Por que cando se soubo que esta novela gañara o Premio Risco insistiu vostede en que fora unha sorpresa enorme?
Porque esta foi a primeira novela que escribín na miña vida, hai xa máis de quince anos. A primeira versión era en castelán, e realmente non sabía escribir moi ben, fun aprendendo mentres a facía. Traducina, e pasou por varias reescrituras, pero nunca chegou a convencerme de todo. Tiña grandes defectos, e non me servía para nada, pero un día decidín darlle a derradeira oportunidade. Fíxenlle unha grande poda de máis dun cento de páxinas e presenteina ao premio.

Non tentou editala antes do premio?
Non, realmente non. Cada obra ten a súa sorte particular, é como os fillos. Uns triunfan porque teñen premios, e a outros téñenos que vir buscar a casa para que funcionen. No caso de A do vinte e un, tocoulle sufrir varios pulidos, pero ao final creo que quedou ben armada. É unha boa obra, aínda que escrita sen recursos demasiado vistosos, como é de agardar.

Que lle abríu máis portas para editar, este premio ou o éxito de Mombars?
Eu tiven as portas abertas dende o primeiro momento, dende que lle levei a Xerais o manuscrito de O bandido Casanova. Publicáronma sen saber que xa gañara o Premio Pastor Díaz e con eles, en concreto, sempre tiven moi boa relación. De feito, xa case teño lista outra novela para publicar este mesmo ano con eles.

Ler entrevista completa a Hixinio Puentes en Xornal de Galicia