Día Mundial do Teatro: Mensaxe 2010

O Día Mundial do Teatro é unha oportunidade para celebrar o teatro en todas as súas múltiples manifestacións. O teatro é fonte de entretemento e inspiración e ten a capacidade de unificar as diversas culturas e pobos que existen no mundo. Pero o teatro vai aínda máis aló e ofrece tamén oportunidades para ensinar e informar.

O teatro represéntase en todo o mundo e non sempre no escenario tradicional dun teatro. As representacións poden ter lugar nunha pequena aldea de África, a carón dunha montaña en Armenia, ou nunha diminuta illa do Pacífico. O único que se precisa é un espazo e un público. O teatro ten a capacidade de facernos rir, de facernos chorar, pero tamén nos debería facer pensar e reflexionar.

O teatro é produto do traballo en equipo. Os actores son a xente que se ve, pero hai un grupo marabilloso de xente que non se ve. Son tan importantes coma os actores, e as súas habilidades, diversas e especializadas, fan posible a produción. Tamén eles deben compartir os triunfos e os éxitos que se poidan acadar.

O 27 de marzo sempre é oficialmente o Día Mundial do Teatro. Por moitos motivos, todos os días se deberían considerar o día do teatro, pois temos a responsabilidade de continuar a tradición de entreter, ensinar e ilustrar o noso público, sen o cal non poderiamos existir.

Judi Dench
Tradución: Sandra Sanmiguel