O Concello de Carballo convoca os Premios a artigos normalizadores

  • O Concello de Carballo promove a reflexión social sobre a situación da lingua galega coa sexta edición do seu premio a artigos xornalísticos
  • Outorgarase un premio de 1.200 euros e a difusión do artigo gañador nos 11 medios de comunicación que colaboran co certame
  • O obxectivo é promover a reflexión sobre a situación do galego e crear espazos nos xornais para promocionar o uso e prestixio da lingua galega
  • O prazo de admisión de artigos remata o 3 de maio

«O Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL) e en colaboración con once medios de comunicación escrita, convoca por
sexto ano consecutivo o Premio a artigos xornalísticos normalizadores, un certame xa consolidado que ten como obxectivos promover a reflexión sobre a
situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso e prestixio do idioma galego e promover o uso do galego na
prensa.

Ao certame pódense presentar artigos xornalísticos inéditos de opinión que traten algún tema concreto relacionado coa situación sociolingüística do noso país, coa defensa e promoción da lingua galega, co seu estatus, co argumentario en defensa do uso do galego, coa lexislación e os dereitos lingüísticos, con experiencias sociolingüísticas concretas, con propostas para o impulso do uso e prestixio social do galego, con experiencias útiles ou favorábeis para a dinamización da lingua, coa política lingüística en xeral ou nalgún ámbito ou situación determinada, etc.

Os artigos deberán ter entre 2.000 e 3.500 caracteres con espazos incluídos (entre 350 e 600 palabras, aproximadamente). O prazo de admisión estará aberto até o 3 de maio.Outorgarase un premio económico ao artigo gañador, dotado con 1.200 euros, ademais da difusión nos once medios colaboradores coa iniciativa: A Nosa Terra, A Peneira, Diario de Bergantiños, El Periódico de Bergantiños-Radio Líder, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Longa Lingua, Tempos Novos, Vieiros e Xornal de Galicia.

Nas cinco edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga ou María Pilar García Negro.

As bases completas do premio poden consultarse no sitio web do Concello de Carballo. Tamén se pode obter máis información no teléfono 981 704 304 ou no enderezo electrónico: normalizadorarrobacarballo.org.»

Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo